Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO DE GALICIA APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR POLA QUE SE SOLICITA Á XUNTA E AO ESTADO QUE IMPULSEN A IMPUGNACIÓN XUDICIAL DO PRINCIPIO DE ESTABILIDADE RELATIVA

Santiago, 7 de maio de 2014.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou, na sesión celebrada no día de hoxe, sen ningún voto en contra, a iniciativa defendida polo Grupo Popular na que se solicita á Xunta e ao Goberno central que impulsen a impugnación xudicial do coñecido como principio de estabilidade relativa.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que con esta iniciativa se busca a derrogación deste mal chamado principio polo que se establece unha clave fixa na repartición das cotas de pesca entre os países da UE “e así evitar que se siga outorgando posibilidades de captura moito inferiores á capacidade pesqueira de Galicia”.

UNHA REIVINDICACIÓN HISTÓRICA DO SECTOR

O acordo solicita tamén do Goberno galego que, con carácter previo á presentación do recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE,  se elabore un informe xurídico para dotarse de argumentos que identifiquen o camiño a seguir e os fundamentos legais a empregar neste proceso. Este punto si contou co voto negativo do PSOE.

Balseiro lembrou que esta petición forma parte do que cualificou como “reivindicación histórica” do conxunto do sector pesqueiro galego e que, ata o momento, o Grupo Popular e a propia Xunta veñen trasladando ás institucións comunitarias a necesidade de procurar este cambio no sistema de reparto das posibilidades de pesca.

En consecuencia, Balseiro lamentou a “profunda irresponsabilidade das forzas políticas da oposición” que, unha vez máis, coa súa abstención “dan ás costas a unha das principais demandas do sector pesqueiro galego”

AXUDAS AOS DESPEZAMENTOS DE BUQUES

Por outra banda, os populares rexeitaron unha iniciativa do BNG na que defendían que se eliminasen as axudas europeas á paralización definitiva dos buques pesqueiros. Os populares sosteñen que con esta petición os nacionalistas “viven fóra da realidade” xa que estes apoios son “indispensables para a adaptación da flota á capacidade pesqueira” e que “o propio sector así o defende” a través das principais asociacións profesionais e de armadores de Galicia.

Balseiro cualificou de “irrenunciables” estes apoios económicos e sinalou que forman parte dun conxunto de axudas moito maior, “negociadas e contempladas no novo Fondo Europeo de Pesca” e que permiten, por exemplo, que pescadores e propietarios de barcos poidan contar cunha axuda financeira cando están afectados polas medidas de loita contra a sobreexplotación dos recursos, de protección da saúde pública, de retirada temporal ou permanente de barcos de pesca, o apoios destinados á formación, reconversión ou xubilación anticipada dos pescadores.

Finalmente Balseiro puxo de relevo a incongruencia dos nacionalistas que hoxe rexeitan o que antes defendían, “xa que que  a época na que máis buques desapareceron foi durante o Goberno bipartito que ademais tiña a previsión de despezar 93 buques no período 1998-2003 fronte ao 37 despezados co Partido Popular.