Partido Popular de Lugo

Os populares de Burela solicitan por escrito a suspensión do procedemento para levar a cabo a nova contratación dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria

Burela, a 14 de decembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela anunciou hoxe que vén de presentar un escrito dirixido ao alcalde burelés no que solicita “a suspensión do procedemento iniciado na sesión plenaria da corporación o pasado 29 de novembro para a contratación do servicio de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e de praias; así como para a xestión do punto limpo”.

A xuízo dos populares, “tal e como dixemos no pleno indicado na Memoria xustificativa do órgano contratante asinada polo alcalde hai elementos sobrados que nos motivan a pensar que a nova adxudicación que se pretende facer vai ser bastante máis cara para os cidadáns e para o concello sen ningún motivo aparente.  Cómpre lembrar que o propio alcalde vén reiterando que o actual servicio é moi bo, mesmo modélico; e, por riba, na indicada Memoria non se detallan as melloras que se pretenden introducir nin se fala de aumento de plantilla. O encarecemento do prezo de licitación, descontando o tratamento dos biorresiduos, é dun 15’23% máis alto que o do procedemento que rematou coa adxudicación a GESECO. Ou sexa, 109.684’93 euros máis caro ao ano. E, en relación co importe da adxudicación a GESECO, o prezo de licitación é un 25’63% máis alto, ou sexa, 169.260’29 euros anuais máis caro”.

Desde o Grupo Municipal Popular alertan de que “cos criterios de solvencia das empresas que se presenten fixados na Memoria de alcaldía, queda moi restrinxida a posibilidade das empresas para presentarse, o que pode repercutir negativamente nos intereses do Concello e da cidadanía”.

Por outra banda, os edís do PP apuntan que “os criterios de valoración subxectivos das ofertas que se presenten, onde non se fixa ningún tipo de criterio a seguir, van supoñer o 45% do total da valoración das ofertas. Así, entendemos que isto vai condicionar considerablemente a adxudicación e incluso podería darse o caso de que a oferta gañadora sexa a máis cara para o Concello”.

Os populares consideran que “non hai garantías suficientes, ao noso xuízo, de que se evitan posibles conflitos de intereses entre empresas. Polo que entendemos que o procedemento que agora arranca podería nacer viciado. E hai que lembrar que o alcalde ten a obriga, segundo o artigo 64.1 da Ley de Contratos del Sector Público, de establecer medidas para garantir a absoluta ausencia de tales conflitos en aras de evitar posibles conductas empresariais anómalas”.

 

Solicitude

Desde o Grupo Municipal do PP explican que no indicado escrito solicitan a adopción das medidas pertinentes para favorecer a presencia de empresas para acadar vantaxes para o Concello e a veciñanza e que se leve a cabo unha valoración obxectiva das ofertas que se presenten. Igualmente os populares piden a redución e o equilibrio do prezo de licitación consonte ao servizo que se vén prestando; xa que a xuízo do propio alcalde é modélico, como ten dito en reiteradas ocasións mesmo nos medios informativos. Finalmente, solicitan  que se garanta a ausencia de conflitos de intereses en cumprimento do artigo 64.1 da Ley de Contratos del Sector Público e demais normativa ao respecto.