Partido Popular de Lugo

Juan Carlos Armesto será o candidato do PP á alcaldía do Saviñao nas vindeiras eleccións municipais

15 de decembro, 2018. Juan Carlos Armesto será o candidato do Partido Popular á alcaldía do Saviñao nas vindeiras eleccións municipais. O primeiro tenente de alcalde do municipio e voceiro do equipo de Goberno local dende fai 27 anos -ademais de presidente local do Partido dende o 2017- tomará o relevo como cabeza de lista do PP do actual rexedor, Joaquín González, que xa anunciara a súa vontade de xubilarse.

 

Así foi presentado nun concorrido acto celebrado no restaurante Campeliños, en Escairón, no que estivo acompañado de afiliados e simpatizantes do Saviñao, o propio alcalde do municipio e compañeiros do Partido Popular de Lugo encabezados pola súa presidenta provincial, Elena Candia, acompañada doutros cargos da formación que completaron o aforo de 230 persoas.

 

Armesto agradeceu a presenza de tódolos participantes e, especialmente, a implicación do actual alcalde no impulso dun cambio á fronte da candidatura popular de cara ás eleccións municipais do vindeiro 2019. Igualmente, eloxiou o seu labor á fronte do consistorio e destacou “o apoio de Joaquín González e a súa implicación exemplar na coordinación do seu relevo”, manifestou.

 

Tras 27 anos no equipo de Goberno, o candidato popular á alcaldía coñece de primeira man “a problemática e casuística dos meus veciños e veciñas dos 320 núcleos de poboación”. Con esta experiencia á que se engaden os oito anos na presidencia do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra, asume o reto de conseguir a continuidade do PP á fronte do Concello do Saviñao para “seguir traballando para atender as necesidades do municipio”. Nese senso, Armesto asegurou que “traballaremos por constituír un goberno serio e crible”.

 

 

O Saviñao, un concello castigado polo “Besteirismo”

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, recordou “o traballo sólido do Partido Popular á fronte do Concello do Saviñao a pesar de ser fortemente castigado polo Besteirismo. A xestión dos populares sobreviviu á arbitrariedade do Goberno Provincial na época de Besteiro cando excluía aos Concellos gobernados polo PP no reparto de achegas dende a Deputación. Para os socialistas O Saviñao non existe”, asegura a popular.

 

Candia explicou tamén que “isto contrasta coa decida aposta do Goberno da Xunta que demostra, por poñer un exemplo, coa recente licitación do ambulatorio do Saviñao cun investimento de 1,1 millóns de euros”.

 

 

Currículo

Juan Carlos Armesto é o primeiro tenente de alcalde do Concello do Saviñao e voceiro do equipo de Goberno dende fai 27 anos, un ano despois de afiliarse ao Partido Popular.

 

Presidiu durante oito anos o Consorcio Turístico da Ribeira Sacra integrado por 21 Concellos das provincias de Lugo e Ourense conseguindo no segundo mandato acceder á presidencia por unanimidade e, polo tanto, cos votos a favor dos representantes dos Concellos gobernados polas distintas formacións políticas.

 

É deputado provincial na Deputación de Lugo onde exerce como vicevoceiro do Grupo Popular dende o 2015. Ao ano seguinte foi elixido secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo e dende o 2017 preside a formación popular no municipio do Saviñao.