Partido Popular de Lugo

BALSEIRO LEMBRA QUE PSOE E BNG QUIXERON “BOICOTEAR A ACUICULTURA EN GALICIA”, E SALIENTA QUE O GOBERNO DE FEIJÓO ESTÁ A DESBLOQUEALA PORQUE “SI CRE NELA”

Santiago, 22 de outubro de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, lembrou hoxe que PSOE e BNG quixeron “boicotear a acuicultura en Galicia”, paralizándoa durante catro anos, e salientou que o Goberno de Feijóo está a desbloqueala porque “si cre nela”.

O Grupo Popular votou hoxe, na Comisión parlamentaria de Pesca, en contra dunha iniciativa dos socialistas sobre o Plan de Acuicultura que Balseiro cualificou “sorprendente”, xa que a presentan “despois de catro anos nos que socialistas e nacionalistas, aliados imprudentes na caótica xestión da desaparecida Consellería de Pesca, non foron quen de promover unha soa instalación acuícola nova”. O deputado popular considerou que os socialistas “pretenden seguir torpedeando” o desenvolvemento da acuicultura desde a oposición, xogando “ao despiste” cunha táctica na que “uns días son activistas antipiscifactorías e outros, como hoxe, instan á Xunta a poñer en marcha un plan que vostedes mesmos paralizaron”.

Entre os puntos incluídos na súa proposición  non de lei, o PSOE pretendía a confiscación, pola vía das expropiacións, dos terreos onde se sitúen as granxas acuícolas. “Non podemos estar de acordo con empregar esta fórmula con carácter xeral”, apuntou Balseiro, que expresou a postura do seu partido contraria á expropiación. “Deixemos marxe á negociación entre empresas e titulares dos terreos”, indicou.

Así mesmo, considerou “paradóxica” a petición dos socialistas de que a Xunta “fale, dialogue, comparta criterios, coas mesmas empresas que vostedes insultan”, en referencia ás palabras da exconselleira de Pesca acusando de colonizadoras ás empresas que invisten na industria acuícola en Galicia. “Vostedes desincentivaban e empurraban ás empresas ao estranxeiro”, subliñou Balseiro que, en relación coa demanda dos socialistas de establecer incentivos que faciliten a radicación das empresas acuícolas, sinalou que “o mellor incentivo que pode existir na acuicultura é outorgar seguridade xurídica”.

DESCOÑECEMENTO DA REALIDADE.- “O que fixo o Goberno da Xunta foi desbloquear o desenvolvemento acuícola no noso país”, afirmou o parlamentario do PPdeG, quen resaltou que o Bipartito foi responsable “do plan máis discutido e cuestionado” e que a actual Xunta está a resolver “o galimatías no que vostedes deixaron á industria acuícola”.

Respecto da formación para as poboacións onde se desenvolvan proxectos acuícolas, o voceiro de Mar do Grupo Popular salientou que “os socialistas descoñecen ata tal punto a realidade que non saben que existe o Instituto Galego de Formación en Acuicultura” (IGAFA), sito na Illa de Arousa. Así mesmo, deulles aos socialistas “a benvida á defensa das poboacións onde se asentan as plantas”, despois de que “vostedes, a todos os veciños de pobos como Merexo ou das localidades próximas a Laxe, non lles facían caso e ata os ninguneaban”.

O deputado resaltou que o Bipartito foi responsable “do plan máis discutido e cuestionado” e que a actual Xunta está a resolver “o galimatías no que vostedes deixaron á industria acuícola”. O Goberno de Núñez Feijóo, reiterou Balseiro, “volverá a converter a Galicia, con  maiúsculas, no referente da acuicultura en Europa e no Mundo”, para o que “podemos contar coa súa axuda ou, para variar, contar coa súa crítica continua”.