Sarria, 7 de maio de 2024. O Grupo Municipal do Partido Popular pide ao goberno de Camiña Sarria que “abandone a senda da ilegalidade e da ausencia absoluta de xestión na que está instalado”. Así o esixen os concelleiros tras revisar o Informe de Intervención de Control Interno do exercicio 2023 do que tiveron coñecemento recentemente e que “pon de relevo unha serie de deficiencias e achados preocupantes na xestión financeira e administrativa do goberno local”.
O documento revela que durante o exercicio 2023 houbo máis dun centenar de informes de reparo de legalidade por parte de intervención que foron levantados por medio de Decreto da Alcaldía, “o que constitúe unha mostra máis da actitude ditatorial dun alcalde que cre que pode actuar de costas á legalidade e do seu grupo de goberno, que o respalda obviando, incluso, as súas posibles responsabilidades ao respecto e ao dano que isto pode motivar ao Concello”, consideran dende o Grupo Municipal Popular.
Os populares amosan a súa “preocupación polos incumprimentos e o patrón de irregularidades” que sinala o informe; xa que “inclúe falta de planificación e quebra dos principios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, entre outros. Chega incluso a facer referencia ao fraccionamento de contratos, unha práctica claramente ilegal”, subliña a portavoz, Carmen José López.
“Estes achados son inaceptables e expoñen serias dúbidas sobre a integridade e a eficacia do actual goberno municipal”, considera López. “O propio informe destaca que o goberno asume compromisos de gastos sen que existan cartos públicos dispoñibles para facerlles fronte”.
INCUMPRIMENTOS NA RECADACIÓN DE INGRESOS
O informe “tamén é lapidario e alarmante” no que respecta á recadación de ingresos municipais. De feito, pon de manifesto “a gravidade” de que a recadación de parte dos ingresos públicos estea a levarse a cabo por persoal externo e sen contrato co Concello. En palabras de intervención: “supón un risco evidente de menoscabo de caudais públicos”. É dicir, “pode volver pasar o que aconteceu co servizo do matadoiro, respecto do que aínda está por ver a onde foron a parar os 200.000 euros que aínda faltan nas arcas municipais”. Para López, “resulta incomprensible que despois do que se revelou co burato do matadoiro o goberno municipal continúe perpetuando este incumprimento”.
GARANTIR A LEGALIDADE E SOSTIBILIDADE ECONÓMICA E DEMOCRÁTICA DO CONCELLO
Como representantes electos da cidadanía, “é o noso deber garantir unha xestión transparente, responsable e ética dos recursos públicos. Por iso esiximos que se tomen medidas inmediatas para atender as advertencias feitas periodicamente polos técnicos e se restaure a legalidade”.
López indica que “o noso obxectivo final é garantir que os intereses da comunidade sexan protexidos e que se garanta a legalidade e a sostibilidade económica e democrática do Concello”.