Partido Popular de Lugo

Os últimos datos do paro da comarca da Mariña evidencian a “ausencia total de políticas de creación de emprego por parte do goberno municipal de Burela”

Burela, 8 de maio de 2024. O PP de Burela lamenta o “triste balance” da “lamentable realidade que estamos a vivir na nosa vila por mor do desgoberno do bipartito encabezado pola señora López Moreno”.

Os populares refírense aos datos do paro do último mes da Mariña que revelan que “só en 4 dos 16 concellos” subiu o paro. “E non é casualidade que Burela sexa o concello no que máis subiu, máis que nos outros tres concellos xuntos con cifras negativas. Só no último mes en Burela hai 23 parados máis, cando no conxunto da Mariña é de 43. É dicir, máis da metade son veciños e veciñas de Burela”.

Dende o PP poñen como exemplo concellos similares como son o de Foz, Ribadeo ou Viveiro onde o número de parados baixou en 11, 13 e 28 persoas, respectivamente; cando en Burela subiu en 23 persoas.

“Esta triste cifra débese á ausencia total de políticas activas de creación de emprego na nosa vila que nos coloca no furgón de cola da Mariña”, sinalan os populares. Ao respecto, explican que “gobernar non é facerse fotos e posados para crear unha falsa sensación entre a veciñanza de crecemento e actividade. Gobernar é facilitar a creación de emprego, o que si fan outros concellos da contorna, algo que o bipartito da señora López Moreno é incapaz de conseguir”.