Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro considera “irresponsable” que o bipartito sume gastos coma o dunha cea secreta cando “ten pendente de pago do 2023 máis de 835.000 euros”

Viveiro, 3 de maio de 2024. O PP de Viveiro condena a “absoluta irresponsabilidade” do goberno bipartito PSOE-BNG que preside a señora Loureiro por “contratar unha cea secreta cando ten pendentes de pago facturas por valor de máis de 835.000 euros do ano pasado. Están a rirse dos veciños, veciñas e provedores”, subliña a voceira Mariña Gueimunde. “O goberno bipartito non ten como facer fronte aos gastos do exercicio 2023, pero segue malgastando diñeiro de tódolos e tódalas viveirenses incrementando os gastos superfluos e innecesarios e desatendendo os servizos básicos e as pequenas inversións de conservación e mantemento”, apunta a popular.

Gueimunde considera ademais, que “esta non é a forma de potenciar o Teatro de Viveiro” porque “o Teatro sempre se promove con teatro”. Nese senso, “o goberno bipartito está a facer totalmente o contrario: nin se preocupa da conservación deste histórico inmoble, nin de promover a súa actividade”. Gueimunde explica que “non se fai o necesario mantemento na infraestrutura dun edificio histórico e emblemático propiedade de todos e todas as veciñas, a pesares de que mostra numerosas deficiencias que o goberno de Viveiro ten sin atender”; pero ademais, “non fan máis que poñer trabas aos grupos teatrais locais que necesitan facer uso destas instalacións e, pola contra, axilizan e priorizan outros actos exclusivos para desfrute duns poucos e lucimento persoal do goberno bipartito”.

Os populares propoñen destinar eses cartos ao arranxo das humidades, das goteiras, dos desconchados das paredes, do deterioro da cuberta e da decoración do teito que se está a desprender. “O Teatro poténciase cunhas instalacións en boas condicións e con actividade”; xa sexa “permitindo que as asociacións teatrais do municipio fagan uso do Teatro para ensaios e representacións ou atraendo público entre os nosos veciños e veciñas do municipio ou doutros lugares da comarca e provincia a través de certames ou encontros teatrais de grupos de profesionais e afeccionados”.

Á vista da situación económica do Concello, Gueimunde incide en afear gastos coma o desta cea sorpresa onde o Concello deberá desembolsar á empresa organizadora en concepto de “influencer para difusión do teatro Pastor Díaz” a cantidade de 1.210 euros, para sete camisetas negras para un dos grupos do conservatorio – e tampouco entendemos por qué a un só grupo- 126,03 euros, tal e como figuran na proposta de gasto da Xunta de Goberno Local do 24 de abril; ou dous ordenadores para os concelleiros do BNG por 2.505 euros que deberemos recoñecer no exercicio 2024; ou o gasto de 4.500 euros en caramelos para o Nadal.

LASTRE PARA A SITUACIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO

“Tendo en conta que os provedores están á espera de cobrar o que se lles debe, que os funcionarios traballan a diario con ordenadores nada actualizados e as caixas de caramelos seguen apiladas no corredor da parte traseira do salón de plenos condenados á súa caducidade, este despropósito e forma de proceder continúan a ser un lastre para Viveiro”. De feito, a alcaldesa ten que levar ao pleno deste mércores unha proposta para botar man do remanente para pagar facturas por valor de 454.000 euros -practicamente a metade do desfase orzamentario do ano pasado- a través dun procedemento extraordinario porque o goberno local gastou tres veces máis do que tiña consignado no presuposto municipal do exercicio 2023”, engade a popular.

O Grupo Municipal Popular de Viveiro xa advertira de que “o goberno bipartito non está a seguir o procedemento que marca a lei en relación á contratación, tal e como recollen os informes de Secretaría e Intervención”. En moitos casos, non hai consignación orzamentaria, nin proposta de gasto nin informes preceptivos favorables de Secretaria, Intervención ou do servizo de contratación.

Gueimunde conclúe “insistindo na falta de respecto que estas actitudes do goberno de Loureiro, coa connivencia de Bermúdez, demostran ao pobo de Viveiro”.