Partido Popular de Lugo

O goberno bipartito “non tivo ningunha vontade” de informar aos vilalbeses sobre os cambios na exención do imposto de circulación porque “o que lle interesa é recadar”

Vilalba, 2 de maio de 2024. Os concelleiros populares condenan a “falta de vontade do goberno bipartito por informar aos vilalbeses sobre os cambios na exención do imposto de circulación (IVTM). Non avisaron a través de ningún medio: nin por carta aos afectados nin sequera a través das redes sociais”. Con esta actitude demostran que “o que lles interesa é recadar para tratar de sanear a situación económica do Concello”.

A ordenanza sinala que para o outorgamento da exención deben achegar o certificado de minusvalía ou ben o certificado de percepción da pensión da Seguridade Social; é dicir, ou unha opción ou a outra, e así quedan exentos do pago. “Pero nestes días estanse atopando coa sorpresa dos recibos para pagar este imposto sen ter recibido ningún aviso previo nin prazo para presentar a documentación que agora se lles require”, lamentan os concelleiros populares

O Grupo Municipal Popular faise ecos das queixas dos veciños e veciñas afectadas e afea ao goberno local que “non tivera a máis mínima vontade de informalos da necesidade de aportar o certificado de discapacidade emitido pola administración competente para poder beneficiarse da exención deste imposto neste ano”. Esta indicación veu motivada por unha sentenza e a Deputación de Lugo, encargada da recadación do imposto e á que empregan como escusa, deu traslado ao Concello; pero “o goberno local desentendeuse prexudicando os intereses de moitos veciños e veciñas”.

Os populares defenden que “os veciños merecen outra atención” e condenan “esta forma de xestionar o Concello”. É máis, cren que “ao goberno bipartito interésalle máis recadar que ofrecer un bo servizo aos veciños”.

Nese sentido, explican que “non modificaron a ordenanza para actualizar o artigo no que se recollen as condicións da exención do imposto de forma que se axuste ao ordenamento xurídico”.