Partido Popular de Lugo

O PP ve no Tribunal administrativo de recursos contractuais “outro chiringuito de Tomé”

Luns, 18 de marzo de 2024. “Seguen a dar forma a outro chiringuito máis de Tomé”. Así de contundentes se amosan os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo tras ter coñecemento de que o presidente provincial segue adiante coa creación deste órgano, que PSOE e BNG aprobaron nos plenos de xullo e outubro, en ambas ocasións co voto en contra do PP.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, dubida da “utilidade” que este tribunal xa que “os competentes para a resolución deste tipo de asuntos son os tribunais autonómico e nacional”. “No seu momento esiximos luz e taquígrafos e mantemos a nosa esixencia”, afirmou.

Ameijide recorda que esta fin de semana Tomé anunciou os nomes da persoas que formarán este tribunal e afirmou que se crea para “coñecer e resolver cunha maior axilidade e eficacia os recursos especiais en materia de contratación da Deputación e tamén dos concellos que queiran usar este servizo”, unha afirmación que o voceiro popular pon en dúbida xa que “o TACGal é o tribunal máis áxil de España xa que resolver un trámite completo en 14 días”. “PSOE e BNG deben aclarar como se realizou o proceso de selección”, indico, dado que ningún é especialista en dereito administrativo.

O TACGal creouse en Galicia hai máis de 5 anos e dá servizo a todas as entidades locais de Galicia para contratos de máis de 3M€ ou de subministros e servizos de máis de 100.000€, unhas competencias que “o goberno provincial quere duplicar, non sabemos moi ben con que obxectivo”.

Ameijide explica que en Galicia non existen tribunais provinciais deste tipo. Só hai a única excepción de Vigo, que o creou antes de que existira o TACGal, pero nunca chegou a entrar en funcionamento. A nivel nacional, unicamente funcionan en Andalucía, pero debido ás características territoriais desta comunidade, xa que é moi extensa.

Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular esixen a Tomé que explique publicamente os motivos de duplicar funcións creando “chiringuitos” e aumentando o gasto. “Tamén debería de explicar se as persoas designadas son afíns a PSOE e BNG”, sinalaron.

Dende o PP esíxese a Tomé que en lugar de crear novos órganos que “semellan non ser necesarios” teña a vontade suficiente para destinar o seu traballo e esforzo a arranxar e ter en bo estado a rede de estradas provincial ou a dar un trato igualitario a todos os concellos da provincia, en lugar de destinar os recursos en convenios con aqueles concellos afíns e da súa cor política.