Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba convida ao goberno bipartito a “atender debidamente o cemiterio municipal”

Vilalba, 18 de marzo de 2024. Ante o estado de abandono que presenta o cemiterio municipal de Vilalba, os concelleiros do Partido Popular urxen ao equipo de goberno bipartito a proceder á súa limpeza inmediata e ao deseño dun plan de limpeza e acondicionamento periódico. Igualmente, inciden en que o goberno local “garanta a apertura do cemiterio no horario establecido e como se indica á entrada do recinto”.

“O cemiterio municipal constitúe outro exemplo máis da falta de xestión e do abandono no que este goberno local ten as instalacións que son de titularidade municipal. Acumúlanse as flores sen retirar dende fai semanas e vanse espallando polo cemiterio que está sen varrer nin acondicionar”, explican. É máis, “hai tempo que non se limpan os pasillos e foron creando verdor que pode resultar esvaradío e polo tanto perigoso para os visitantes”.

O Grupo Municipal Popular convida a PSOE e Vilalba Aberta a coordinarse e tomarse en serio o traballo que é da súa competencia e xestionar debidamente as labores que correspondan para manter o cemiterio en boas condicións. “Por imaxe, por hixiene e seguridade, por garantir uns bos servizos públicos aos veciños e tamén por sensibilidade”.

Os populares piden ao bipartito “máis implicación na xestión do traballo do día a día e menos proxectos faraónicos que provocan inconvenientes aos veciños e non dan chegado a ver a luz”.