Partido Popular de Lugo

O PP de Meira aposta polas concentracións parcelarias para «mellorar a competitividade das explotacións gandeiras»

Meira, 18 de maio de 2023. O PP de Meira aposta por desenvolver concentracións parcelarias nas zonas con maior actividade gandeira do municipio pensando en “mellorar a competitividade das explotacións” e así llo expuxo o candidato popular á alcaldía, Óscar Fernández, ao responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, durante unha visita ao municipio na que tamén participou o coordinador do PP lucense, José Manuel Balseiro.

Tendo en conta a fragmentación actual da propiedade en microparcelas, os populares consideran que “a concentración parcelaria é a ferramenta que mellor se adapta ás características e necesidades de Meira”. Ademais de contribuír a reorganizar a propiedade en parcelas máis grandes, tamén permite a ordenación das zonas agrícolas e forestais de forma diferenciada e mellorar os camiños para facelos máis anchos.

A Xunta aposta polas concentracións parcelarias como mecanismo para poñer en valor a terra agraria, aumentar a base territorial das explotacións e loitar contra o minifundismo. Igualmente, o Goberno galego está comprometido tamén co impulso dos instrumentos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia coma os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

En relación coa loita contra os incendios forestais, os populares lamentan que “o actual goberno local de Meira non optase por adherirse ao convenio de defensa das aldeas, asinado entre a Xunta, a Fegamp e a empresa pública Seaga, para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa na proximidade de zonas habitadas”.

Este convenio -ao que xa están adheridos 279 municipios galegos- favorece tamén a limpeza de pistas municipais, apoiando a posibilidade de traballar en ata 10 quilómetros de vías cada ano, en cada un dos concellos asinantes do acordo.