Cervantes, 18 de maio de 2023. Os populares de Cervantes apostan por “garantir a conservación do patrimonio natural que favorece o desenvolvemento sostible do noso concello”. Así, destacaron o incremento no orzamento que dirixe a Xunta á Reserva dos Ancares ata chegar aos preto de 500.000 euros para desenvolver traballos de roza, arranxo de camiños, limpeza e sinalización de rutas e sendeiros e á sementeira de cereal. Nese mesmo sentido, puxeron en valor o inmenso traballo que está a facer a brigada en labores de roza e limpeza dos montes da Reserva e tamén de vixilancia do patrimonio natural. Así mesmo, agradeceron á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que se comprometera a incrementar no vindeiro ano os efectivos con dous traballadores máis.
Así o valorou o candidato á alcaldía, Óscar Fernández, durante unha visita da responsable do departamento autonómico, Ángeles Vázquez, a Cervantes acompañados pola deputada autonómica e integrante da candidatura popular no municipio, Encarna Amigo, ao entorno do Albergue dos Ancares onde a Xunta proxecta reabrir a Aula da Natureza, tras ter asinado recentemente un convenio co Club Ancares para a cesión das instalacións. Deste xeito, poñeranse en valor estas emblemáticas instalacións ao mesmo tempo que se contribuirá ao desenvolvemento económico e social vencellado á conservación medioambiental.
Outro proxecto dos populares en relación á posta en valor da riqueza natural de Cervantes é a creación dunha área recreativa na parroquia de Donís “con vistas a unha espectacular paisaxe de frondosas”.
TRABALLO E SEGURIDADE
Ángeles Vázquez arroupou tamén ao candidato á alcaldía das Nogais, Jesús Manuel Núñez (Rucho), nun mitin no que tamén interveu o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal.
O rexedor e candidato á reelección puxo en valor o traballo realizado polo goberno local durante os últimos 12 anos. «Humildemente considero que fomos quen de darlle unha volta moi importante ao concello nestes anos». Por iso, defendeu, «para os próximos catros comprometemos traballo e seriedade para seguir consolidando estas políticas, co fin de seguir mellorando as parroquias e facer do noso pobo un referente da comarca», afirmou.
Ángeles Vázquez manifestou que «sempre é un pracer vir á Montaña de Lugo e, sobre todo, visitar lugares nos que, como é este caso, cando goberna o PP se nota con feitos». Neste sentido, expresou ao candidato e ao seu equipo todo o apoio do Goberno galego para «seguir traendo máis investimento a este concello».
O secretario xeral do PP provincial sinalou que “o proxecto que encabeza Rucho é sinónimo de seguridade, certezas, humildade e cercanía”. Nese sentido, convidou aos veciños a “apostar pola experiencia en lugar doutras propostas que non se sabe como van saír”. Sobre a xestión do goberno local popular destacou que “foi capaz de facer máis con menos, tendo ás persoas no centro das súas políticas e garantindo o equilibrio orzamentario. E todo iso a pesar do sectarismo do goberno da Deputación que discrimina aos Concellos gobernados polo Partido Popular, aínda que unha das súas funcións principais é a de colaborar cos pequenos Concellos”.