Taboada, 2 de marzo de 2023. Ramiro Moure Ansoar, actual rexedor de Taboada, encabezará de novo a candidatura coa que os populares concorrerán nas vindeiras eleccións municipais do concello. O acto de presentación tivo lugar onte pola tarde e coincidiu coa inauguración da nova sede dos populares localizada na Avenida de Lugo. A esta presentación acudiron membros da dirección provincial – o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, o coordinador xeral, José Manuel Balseiro-, os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, alcaldes e voceiros da zona e afiliados e simpatizantes do partido que arrouparon a Moure.
Desde a dirección provincial confían no traballo feito polo actual alcalde que vén de lograr tres maiorías absolutas nas anteriores citas coas urnas. “ A xestión do Concello e a confianza que teñen os veciños nel son peza clave para seguir mantendo uns bos resultados nas vindeiras eleccións municipais”, apuntan os populares.
O candidato popular e actual rexedor explica que, pola súa parte, “desde o goberno local traballamos e seguiremos traballando para ofrecer servizos en todo o municipio”. Neste sentido, Moure amosa o seu compromiso por “continuar a desenvolver a rede de servizos aos veciños do municipio en materia de infraestruturas que procuran o benestar dos taboadeses”. Ademais, Moure cre que o asentamento do polígono industrial fomentaría o asentamento de empresas e polo tanto, axudaría a evitar o éxodo dos veciños e veciñas do municipio ás cidades.
CURRÍCULO
Ramiro Moure Ansoar naceu en 1958 e formado como mestre industrial, Moure é funcionario de institucións penais e milita no Partido Popular dende 1997. Foi tenente de alcalde e encargouse de varias áreas como a de Cultura, ata que en xullo do 2009, Ramos Lemos deixou a alcaldía para exercer de delegado territorial de educación e pasou a ser rexedor no municipio, continuando no cargo tras alcanzar a maioría absoluta como candidato á alcaldía nas últimas tres lexislaturas.