Partido Popular de Lugo

O PP insta a Tomé a esquecer as leas persoais e de partido con Manuel Martínez e a que asuma compromisos e fixe prazos para apertura da residencia da terceira idade de Becerreá

Lugo, 2 de marzo de 2023. O grupo provincial do PP insta unha vez máis ao goberno da Deputación a adoptar as medidas precisas para poñer en servizo canto antes a residencia da terceira idade de Becerreá. O presidente da xestora do PP en Becerreá e candidato á alcaldía, José Carrete, e Pascual Fernández entrevistáronse esta mañá co portavoz e o viceportavoz provinciais populares, Javier Castiñeira e Óscar Poy, respectivamente, para expoñer a preocupación dos veciños diante do desinterese demostrado polo presidente, José Tomé, pola apertura desta residencia.

Javier Castiñeira sinalou: “Hoxe recibimos a compañeiros do PP de Becerreá, que unha vez máis demandan que a Deputación abra a residencia da terceira idade. Como grupo provincial, xa o fixemos no pasado mes de xuño, cando visitamos esa residencia, que é un investimento que fixo a Deputación de Lugo a instancias do Partido Popular no seu momento, cando o goberno provincial precisaba dos votos populares para sacar adiante os orzamentos. Era unha prioridade para o PP e sigue sendo unha prioridade”.

Os populares non entenden “que se prioricen as leas persoais entre os señores Tomé e Martínez, porque os que saen prexudicados son os veciños de Becerreá, que ven como a súa residencia sigue pechada”. Castiñeira manifesta: “Non houbo avances dende que nós presentamos unha iniciativa na Deputación, a petición de José Carrete e do seu equipo; non houbo avance ningún e preocúpanos que, no momento en que está a sociedade, investimentos importantes feitos non se estean aproveitando. Está claro que non hai vontade política de abrir un servizo tan importante para todos os veciños”.

Polo seu lado, o presidente da xestora do PP en Becerreá e candidato á alcaldía, José Carrete, sinalou: “Expresamos aos nosos compañeiros do grupo provincial do PP a nosa preocupación polo estado en que se atopa o edificio da residencia da terceira idade de Becerreá, pechado e practicamente abandonado. Unha vez máis, os nosos compañeiros instarán ao goberno provincial (PSOE-BNG) a que asuman compromisos, fixe prazos claros, diga que modelo quere aplicar e se realmente Becerreá vai ter ou non residencia. É un servizo que a poboación demanda e que nós, dende o PP, tamén demandamos; é un compromiso en firme que temos cos veciños, que para nós son o primeiro”.