Partido Popular de Lugo

Os comerciantes do centro histórico expresan á candidata do PP a necesidade dun «plan de recuperación integral» para o corazón de Viveiro

Viveiro, 27 de febreiro de 2023. A candidata do Partido Popular á alcaldía de Viveiro, Mariña Gueimunde, mantivo un encontro coa directiva da asociación Centro Comercial Centro Histórico de Viveiro, para estudar que carencias e desafíos deberá afrontar nos próximos anos o comercio local e que medidas deberíanse adoptar desde a Administración para consolidalo como un referente da costa de Lugo. No logro deste obxectivo, os empresarios viveirenses entenden que o papel da administración local non é nin moito menos menor, pois seguen detectando lagoas que limitan o potencial do tecido comercial de Viveiro e que son responsabilidade dos poderes públicos.

No seu diagnóstico sobre a situación do sector produtivo, a directiva de CCH manifestou á candidata popular a importancia de facer de Viveiro un lugar atractivo para o comercio, non só do xa existente senón tamén para aqueles emprendedores que desexen poñer en marcha o seu pequeno negocio ou para as firmas comerciais que queiran asentarse no municipio. Consideran que só así se poderán crear novos empregos no sector e consolidar os postos de traballo xa creados. Para iso, os comerciantes insisten en que a Administración debe facilitar as cousas ao máximo posible ao empresario, removendo aqueles obstáculos que correspondan ao seu ámbito de actuación.

Para o Centro Comercial Histórico faise moi necesario un plan de recuperación do casco histórico, espazo que constitúe un escaparate singular para o comercio local do que non gozan outros municipios da comarca e que debería supoñer unha vantaxe competitiva para o municipio. Neste sentido, sinalan a importancia de coidalo en aspectos tan visibles como a limpeza, (lamentan o deixamento existente cos excrementos de mascotas), e o positivo que sería ofrecer unha imaxe de uniformidade nos baixos comerciais sen alugar para evitar sensación de abandono polos seus propietarios.

A maiores, CCH expuxo a Mariña Gueimunde a posibilidade de optar aos plans Rexurbe da Xunta de Galicia para rehabilitar vivendas e dinamizar o centro de Viveiro, para o que é necesario ser previamente “Concello Emprendedor”.

Comunicacións, PXOM e aparcadoiros

Outra das reivindicacións que os comerciantes de Viveiro sinalaron a Mariña Gueimunde, así como a das comunicacións do transporte, por estrada principalmente, xa que, ao seu xuízo, supoñen un dos principais déficits para o comercio local pois o seu obsoleto trazado afasta de Viveiro a visitantes doutras poboacións da costa lucense, de Asturias ou do interior da provincia. Por iso, manifestaron á candidata popular a necesidade de que nos próximos anos as dúas administracións competentes, o Estado e a Xunta, poidan completar a Vía de Alta Capacidade pola costa e de que se mellore a estrada da Gañidoira.

A planificación urbanística tamén é causa de preocupación para a directiva de CCH, que lamenta o atraso na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Os empresarios lembran que a falta dun plan urbanístico está a facer perder a Viveiro empresas que manifestaran o seu interese por situarse no municipio e que terminan por irse a outros lugares da costa onde lles ofrecen o que piden. Así mesmo, os comerciantes lamentan a restricións en materia de aparcadoiros en torno ao casco, e sinalan que o aparcadoiro gratuíto habilitado pola Xunta no antigo peirao de Viveiro non é suficiente. Lembran á candidata popular que o coche é algo necesario e que se deben dar facilidades para que se consuma en Viveiro proporcionando máis zonas para estacionar.