Lugo, 27 de febreiro de 2023. O grupo provincial do PP valora “o grandísimo traballo que se leva feito dende os parques de bombeiros do Consorcio Provincial”. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que pide ao socialista José Tomé, actual presidente do Consorcio e da Deputación, que tome en consideración as reclamacións laborais dos bombeiros.
Castiñeira declara: “Existe un antes e un despois na cobertura das emerxencias na provincia, grazas ao gran traballo, ao esforzo e á profesionalidade dos traballadores do Consorcio de bombeiros. A semana pasada reunímonos con eles e apoiamos as súas reivindicacións laborais; levamos un rogo á Deputación de Lugo, para que esta institución e en concreto o presidente, que o é tamén do Consorcio, teña en conta esas reivindicacións laborais dos bombeiros”.
O portavoz popular explica: “Todos os que tivemos nalgún momento responsabilidades nos concellos sabemos perfectamente como traballa o Consorcio, a súa profesionalidade e o grandísimo servizo que nos dan na cobertura das emerxencias, un traballo coordinado co resto de servizos, como Garda civil, Policía Local e o 061”.
Castiñeira transmite “a satisfacción da poboación por este servizo que é fundamental”. Di que “é lóxico que as reivindicacións laborais, completamente xustas que están a facer os bombeiros, sexan atendidas dende as administracións, porque en elas vai que se siga dando un bo servizo”