Becerreá, 26 de febreiro de 2023. O Partido Popular de Becerreá amosa a súa firme oposición á construción da nova casa consistorial cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros, tal e como fixo o grupo municipal coa súa votación no pleno do Concello. O candidato á alcaldía dos populares, José Fernández Carrete, explica que «non é de recibo pensar en levantar este novo edificio cando no municipio hai xestións que requiren máis atención».
“Becerreá ten hoxe outras prioridades como a dinamización económica co obxectivo de fomentar o emprego e oportunidades para asentar a poboación, e non esta obra faraónica que non aporta nada ás necesidades diarias dos veciños. Polo tanto, como conclusión entendemos que para eles prima máis o luxo do despacho do Alcalde que a calidade de vida da nosa veciñanza”, apunta Carrete.
Neste sentido, para o grupo municipal popular de Becerreá as inversións deben facerse baixo criterios de necesidade e consideran que o levantamento da nova casa consistorial non responde ás prioridades dos becerrenses.
PROPOSTA DOS POPULARES
O actual Concello ten 40 anos, por iso, os populares afirman que “simplemente coa instalación dun ascensor, para mellorar a accesibilidade poderíase continuar prestando servizo administrativo e político aos becerrenses. Mentres, na nova localización para a casa consistorial, podería cedérselle a outra administración para construír no centro da vila un albergue de peregrinos para a Vía Küning”.
En definitiva, o PP de Becerreá considera que esta partida de 1.248.102,90 € debería empregarse noutros fins máis produtivos, é dicir, noutro tipo de políticas destinadas á creación de emprego, como un viveiro municipal de empresas ou axudas a emprendedores que decidan crear negocios e emprego no Concello de Becerreá.