Lugo, 24 de febreiro de 2023. A calzada da LU-P 2901 é estreita e nela conviven á altura do Burgo o tráfico de vehículos, incluída a maquinaria agrícola, e os peóns, tanto veciños da zona como os numerosos peregrinos que recorren o Camiño Primitivo, que coincide con esta estrada provincial. O PP intenta de novo que a Deputación atenda a demanda veciñal da construción da circunvalación do Burgo e unha senda peonil, que dea seguridade aos camiñantes. Na mañá de hoxe, representantes do PP na Deputación e no Concello reuníronse con veciños do Burgo para comprobar unha vez máis a necesidade das melloras que reclaman.
O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinalou: “A estrada provincial LU-P 2901, coñecida como a estrada do Burgo, que pasa polos concellos de Lugo, Friol, Guntín e Palas é unha vía que o PP vén demandando dende hai anos a súa mellora, mediante a construción dunha variante, para evitar que o tráfico pase polo núcleo do Burgo”. Explica: “Esa circunvalación é moi necesaria nesta estrada, na que o goberno bipartito da Deputación nunca fixo nada relevante; sobre todo hai que mellorar a seguridade”. Destaca que esta estrada “comparte un treito importante, de case 15 quilómetros, co Camiño Primitivo e hai moitos peóns, tanto veciños das parroquias como peregrinos, polo que o PP pide unha senda peonil paralela a esta estrada”.
Os populares din que as súas propostas para esta vía son “boas para Lugo e para a súa comarca e son é necesarias”. Destacan que “a Deputación de Lugo non está a investir o suficiente nesta estrada; cremos que o momento de facelo, porque pasaron catro anos e só se fixeron pequenos arranxos”.
Castiñeira sinala: “Cremos que coidar o Camiño Primitivo é importante. Temos que lembrar que a provincia de Lugo é unha das máis influenciadas polo Camiño de Santiago e a Deputación fai moi pouco por potencialo. Esta estrada LU-P 2901 é un claro exemplo. Levaremos unha moción ao próximo pleno, atendendo aos veciños que demandan a variante, a senda peonil e o arranxo do pavimento. É de xustiza e melloraría moito a mobilidade nesta estrada tan usada polos veciños da comarca de Lugo”.
Pola súa parte, o viceportavoz popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, sinalou: “No grupo municipal do PP levamos anos demandando á Deputación que cumpra o compromiso de construír a circunvalación do Burgo, para garantir a seguridade do tráfico, especialmente dos peóns, tanto dos veciños como dos peregrinos, que cada día se enfrontan a situacións de risco neste tramo”.