Foz, 24 de febreiro de 2023. O PP focense ten demostrado con claridade o seu compromiso co deporte neste municipio. Agora dá un paso máis e, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, “tal e como quedaramos na última reunión que tivemos o grupo municipal do PP e os responsables do C.B. Celtas, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o xefe de Deportes, o grupo municipal popular pediu no pleno municipal, mediante un rogo, que o equipo de goberno solicite subvención autonómica para un novo marcador electrónico, en sintonía cos que hai xa colocados en diferentes pavillóns da comarca, que incluso permiten a reprodución de vídeos”. Queren que tal solicitude sexa formulada en canto a Xunta faga pública a convocatoria destas axudas para equipamentos deportivos.
Castiñeira explica que “esas subvencións supoñen unha financiación importante dende a Xunta de Galicia, de maneira que o Concello colabora cunha parte”. Engade: “Nese marco queremos que tamén se solicite apoio para conseguir os marcadores de 24 segundos, os marcadores de posesión, porque os que están instalados actualmente fallan con frecuencia”.
Javier Castiñeira confirma “o compromiso do PP co deporte focense”. Lembra que “o pavillón amañouse na anterior lexislatura, polo equipo de goberno, do PP, e hai que seguir avanzando e nese sentido vai esta petición”.
Os populares cren que conseguir os novos marcadores “é interesante porque é un equipamento que modernizaría o noso pavillón e é pedido polo C.B. Celtas, que vén de recibir, hai poucos días, unhas canastras de minibasket a modo de subvención da Xunta de Galicia”. Engade: “O club o merece, polo que esperamos que o goberno local atenda o rogo do Partido Popular de Foz”.