Partido Popular de Lugo

Alfonso Rueda pon en valor a experiencia na xestión de Bernardo Niño e o seu coñecemento dos problemas da Fonsagrada

11 de febreiro de 2023. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe A Fonsagrada para desfrutar da XXVI edición da Feira do Butelo, tendo a oportunidade de realizar un percorrido polo recinto feiral ubicado na Praza do Concello e incluso de mercar unha peza deste produto que, na súa opinión, tan ben representa a calidade da gastronomía galega e as nosas tradicións.

Ademais da feira, o líder dos populares galegos realizou un percorrido pola vila e mostrou especial interese pola historia da Fonte Sacra situada xunto á igrexa de Santa María. Un monumento que, aparte de dar nome ao concello, atesoura un gran número de lendas e tradicións vencelladas á Ruta Xacobea.

Na súa visita, Alfonso Rueda estivo acompañado polo responsable de Facenda do Goberno galego, a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e o presidente da xestora do PP da Fonsagrada, Bernardo Niño. Sobre este último destacou que, como empresario e concelleiro, ten a experiencia e é coñecedor dos problemas que afectan ao municipio e aos seus veciños.

“Vendo desde que cheguei o ánimo da xente, como quedamos a tan pouco da alcaldía, esta vez hai que intentalo en serio. Hai que coller todas esas forzas de cando nos quedamos tan cerca e darlle para adiante”, asegurou Alfonso Rueda antes de recoñecer que ten moitas esperanzas no Partido Popular da provincia de Lugo.

Pola súa banda, Bernardo Niño, trasladou ao líder dos populares galegos que el e o seu equipo teñen claro que as súas prioridades son “resolver o problema do despoboamento na Fonsagrada e o deterioro acusado das infraestruturas e dos servizos públicos que tanto afectan aos veciños”.

O presidente da xestora do PP local sinalou así mesmo que a súa labor terá como liña principal traballar polo municipio e estar preto dos seus veciños para defender os seus intereses. Neste senso, agradeceu o apoio do presidente Alfonso Rueda, demostrando coa súa asistencia e presenza na Feira do Butelo que «A Fonsagrada está na súa axenda política».