11 de febreiro de 2023. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que Dani Vega é o alcalde que Ribadeo precisa, porque ten ideas novas e sobre todo porque ten a capacidade de centrar todos os seus esforzos en ver que hai que facer para mellorar e ten demostrado que sabe como conseguilo.
Así o manifestou no acto de presentación da súa candidatura á alcaldía de Ribadeo, que contou con medio millar de asistentes entre os que se atopaba Francisco Conde e no que interveu tamén a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia.
Alfonso Rueda definiu a Dani Vega como unha persoa leal, digna de confianza, animosa e insistente á hora de conseguir os seus obxectivos. “Non hai persoa que fale máis de Ribadeo que Dani Vega e iso é precisamente o que ten que facer calquera persoa que aspire a ser alcalde do seu concello. Non hai que ter medo a ser insistente e persistente, porque o que a cidadanía demanda son dirixentes prácticos que non perdan o tempo en poñer escusas”, sinalou.
Acto seguido remarcou que non é sinxelo atopar ese aire fresco e esa insistencia en política, sobre todo á hora de aspirar a ser alcalde dun pobo tan importante como Ribadeo. Un pobo que Alfonso Rueda considera “a carta de presentación de Galicia”, na medida en que se erixe como porta de entrada norte á Comunidade.
O líder dos populares galegos concluíu afirmando que ver a Dani Vega como alcalde de Ribadeo será unha das súas maiores satisfaccións persoais e por iso animou a todo o seu equipo a traballar e a botarlle ilusión a este proxecto: “Hoxe empeza o cambio en Ribadeo”.
ELENA CANDIA: “DANI VEGA É O CAMBIO QUE PRECISA RIBADEO”
A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia destaca a Dani Vega como o mellor candidato posible para este municipio. “Representa o cambio que precisa Ribadeo a un desgaste provocado por un BNG que ao longo destes anos non foi quen de xestionar os recursos de xeito útil”, afirmou Elena Candia.
Para a dirixente dos populares lucenses “Ribadeo é un dos referentes da Mariña en canto a termos económicos. O seu desenvolvemento pasa por optimizar a súas fortalezas cunha planificación que reverta no aumento de máis e mellores prestacións para os cidadáns do núcleo urbano e da zona rural”. Considera por tanto importante o proxecto que representa Dani Vega, na medida en que “o resto de forzas políticas son máis do mesmo, unha continuidade do que temos en Madrid e dun Ribadeo que xa vemos que non é o que queremos nin queren os ribadenses”.
DANI VEGA: “SOMOS UNHA ALTERNATIVA REAL, FIRME E SEGURA”
Pola súa parte, o candidato expresou o seu agradecemento á dirección provincial, a todos os cargos políticos e institucionais, así como a alcaldes veciños e simpatizantes e afiliados do partido por asistir á presentación da súa candidatura e, en especial, ao presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e á súa homóloga na provincia, Elena Candia. Neste senso, sinalou: “grazas á dirección do partido por darme a oportunidade de recuperar a alcaldía de Ribadeo e amosar a súa confianza ante o reto de ser os representante dos veciños nas vindeiras eleccións municipais”.
Dani Vega trasladou a ilusión do grupo municipal popular que, “durante toda esta lexislatura, fixo un gran traballo” e subliñou que “estamos moi ilusionados polo proxecto que levamos defendendo nos últimos catro anos e somos unha alternativa de goberno real, firme e segura e, isto, é grazas a que somos un partido unido e sólido”, remarcou.
Por outra banda, Dani Vega indicou que o goberno do BNG –problemas internos- e o PSOE -totalmente desaparecido-, o único que están a facer é levar unhas políticas sen rumbo que tocan ao seu fin. “O noso proxecto non empeza uns días antes das eleccións. Levamos traballando intensamente durante estes catro anos, xestionando moito orzamento, máis orzamento que o goberno do BNG sendo da oposición”, dixo o candidato.
NOVOS RETOS
Desde o inicio desta lexislatura, o grupo municipal popular seguiu unha liña de traballo baseada na escoita activada dos veciños e veciñas do municipio, dándolles voz ás súas demandas e explicando con detalle “o que queremos para Ribadeo”. Por iso, ante esta nova etapa que vén, Dani Vega asume novos retos para recuperar “o esplendor” de Ribadeo.
Deste xeito, o popular quere facer chegar a Ribadeo “a posta en marcha do novo centro de saúde, a tramitación para poder empezar co proxecto de reforma e adaptación do Hospital Asilo e a creación de novos aparcamentos na vila”, entre outras liñas de actuación.