Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “Tomé mentiu cando dixo ao PP que non había informes negativos ao Parque Central de Galicia e agora ten que corrixir o proxecto»

Lugo, 9 de decembro de 2022. O presidente da Deputación ten unha inmoderada tendencia a non recoñecer os seus erros e os do seu equipo de goberno, así como a tratar de librarse da responsabilidade botándolle a culpa a outro. Nese intento, con frecuencia mantén unha difícil relación coa verdade e trata de crear o relato que máis lle interesa. Isto foi o que fixo nas respostas que deu ás preguntas do PP sobre as obras para o Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Queda claro, coas información que dá agora a Deputación, absolutamente interesadas, con respecto ao Parque Central de Galicia, en Nugallás, no concello de Antas de Ulla, que o presidente Tomé, ante a pregunta que fixo o PP no pasado mes de marzo, mentiu”.

Castiñeira explica: “Si, mentiu, porque daquela o PP preguntaba se era coñecedor de que existía algún informe que contradicía o proxecto inicial do parque e el dicía que non existía, cando si, efectivamente, había un informe que mandaba corrixir algún parámetros do proxecto inicial. O presidente  Tomé, e o seu equipo de goberno, adxudicou e contratou ese proxecto a sabendas de que había que corrixilo. Agora admite que hai unha serie de correccións que facer”. Os populares pregúntanse “se vai ou non a reaxustar a contratación, porque non vai ser a mesma obra”.

Castiñeira considera que “o presidente Tomé trata de botar as culpas das súas incompetencias ao Concello de Antas de Ulla, cando este está a facer todo de forma correcta, como di o seu alcalde”.

Os populares queren que Tomé, primeiro, pida desculpas aos veciños de Antas de Ulla, por tomarlles o pelo; e, segundo, que corrixa a contratación porque tal como sacou o concurso non vale, porque o proxecto tiña fallos e necesitaba de correccións, como lle dixeron dende a Consellería de Medio Ambiente. Castiñeira di a Tome: “Faga ben as cousas e non minta aos veciños de Antas de Ulla”.