Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022. O deputado do Grupo Popular Daniel Vega criticou hoxe no Parlamento de Galicia ao presidente da Deputación Provincial de Lugo que “manteña conxelado o Plan Único para o vindeiro 2023 logo de ter prometido incrementalo nun 25 por cento”. Así mesmo, lamentou que a partida para investimento en estradas se manteña nos 10 millóns de euros, “a pesar de que o señor Campos e a señora Candia acordaran incrementala ata os 15 millóns de euros”.
Daniel Vega efectuou unha dura valoración das contas da Deputación, das que dixo “nin o presidente Tomé nin o seu partido poden estar orgullosos”. “Vén explicar as liñas mestras duns teóricos orzamentos, pero foi incapaz de facelo en Lugo, ante o Pleno da institución que goberna, polo que estamos ante uns orzamentos que, ano tras ano, vostede intenta agochar aos lucenses”, sinalou.
Reparto caciquil de convenios
En canto ao Plan Único, Daniel Vega lembrou que os partidos que gobernan a Deputación comprometéronse a que ao final do mandato estaría incrementado nun 25 por cento “e a realidade é que mantéñeno conxelado en 21,5 millóns de euros”. Esta situación contrasta cos orzamentos da Xunta para o vindeiro 2023, nos que se incrementa o Fondo de Cooperación Local un 14 por cento, ata os 143 millóns de euros.
Ademais, salientou que o Fondo de Cooperación Local da Xunta “é incondicional, mentres que no Plan Único da Deputación Provincial impoñen aos concellos onde teñen que investir os recursos que lles entregan, o que demostra a falta de respecto á independencia e á autonomía local”.
Daniel Vega afeou a Tomé que, en vez de incrementar o Plan Único, prefira “facer un reparto caciquil dos cartos a través da Xunta de Goberno provincial”. Así, lembrou que no 2022 a Deputación provincial dedicou 3,1 millóns de euros para concellos gobernados polo PSOE (21 convenios); 258.807 euros para concellos do BNG (3 convenios); e 1,6 millóns de euros para concellos do PPdeG, a través dun único convenio. Así as cousas, “resulta que o PP ten o 46% das alcaldías e recibe só o 31,8% dos fondos; o BNG que ten o 5% das alcaldías da provincia recibe o 5,1% dos convenios que vostedes reparten, e, o PSOE, con só o 40% das alcaldías da provincia, recibe o 63,1% dos fondos dos convenios da Deputación provincial”, dixo.
Rede de estradas
O deputado popular tamén fixo referencia ao tratamento orzamentario á rede de estradas da Deputación lucense. Así, concretou que se prevé manter a partida de investimento nos 10 millóns de euros, 5 millóns para novas obras e outros 5 millóns para mantemento das estradas existentes. Porén, lembrou “o pacto dos ex presidentes da Deputación, o señor Campos e a señora Candia, para destinar a este fin un orzamento total de 15 millóns de euros, unha cantidade que a día de hoxe segue a ser superior á actual”.
En canto a rede de residencias, Vega puxo de manifesto “os reiterados incumprimentos respecto ás previsións e promesas que teñen feito pola provincia adiante”. Neste punto, citou, a modo de exemplo, os casos de Guitiriz (tirada a Casa da Botica e parada a obra), Becerreá (leva un ano construída e está pechada), Pobra do Brollón e Portomarín (van pola terceira empresa contratada para a obra), O Courel, Ferreira de Pantón ou Cervantes).
Ademais, apuntou que “están agochando que o 75 por cento do custe das prazas nestas residencias provinciais está soportado polos propios usuarios”.
Para rematar, Daniel Vega instou a José Tomé a explicar a súa posición en relación coas palabras da dirixente do BNG, viceportavoz desta formación no Parlamento galego e deputada lucense, Olalla Rodil, “que onte mesmo asegurou que as deputacións son entes pouco democráticos e anacrónicos”. “Nós, desde o PPdeG, non compartimos esa visión do nacionalismo galego en relación coas deputacións, porque consideramos que, ben xestionadas, son un instrumento de apoio fundamental para os concellos, especialmente os máis pequenos”, sinalou.