Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP lucense condenan “a falta de concreción” do Goberno nas datas para repoñer os servizos ferroviarios que anunciara ter ao 100% a mediados do 2022

Lugo, 3 de novembro de 2022. Os senadores do PP lucense volven formular preguntas na Cámara Alta sobre os servizos ferroviarios na provincia ante a “falta de concreción por parte do Goberno de Pedro Sánchez” nas respostas ás cuestións plantexadas en xullo e setembro sobre as datas concretas para a recuperación dos servizos ferroviarios cancelados pola pandemia na provincia ou os criterios a seguir para tomar decisións en relación aos servizos ferroviarios, entre outros aspectos.

Os representantes populares no Senado pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela- condenan que “Renfe anunciase que a mediados de 2022 se recuperarían o 100% das liñas ferroviarias e que agora afirme que están recuperadas a maior parte, sen especificar que porcentaxe e eludindo dar unha data concreta para a reposición total do servizo, escudándose en que o novo persoal de condución está concluíndo os procesos de formación/habilitación”. É por iso polo que preguntarán sobre a data concreta, cando está previsto que o persoal remate a súa formación/habilitación e cantos novos maquinistas operarán na provincia de Lugo.

Igualmente, lamentan que “o Executivo non ofreza ningún tipo de resposta sobre os motivos polos que Lugo segue sendo a única capital de provincia galega que non conta cunha conexión directa coa capital da comunidade autónoma, Santiago de Compostela”. Nese sentido, queren saber que ten pensado facer o Goberno para facilitar a conexión entre Lugo e Santiago, particularmente a daquelas persoas de avanzada idade ou con dificultades de mobilidade que non poden facer fronte a transbordos.

Sobre a eliminación do tren nocturno entre Galicia e Barcelona que pasaba por Lugo, “o Goberno insiste en que obedece a motivos de viabilidade económica, se ben non específica en que datos se basearon para tomar unha decisión tan criticada polos propios usuarios”, manifestan.

Os senadores populares téñense preocupado polos usuarios que teñen dificultade para facer transbordos e por aqueles para os que non é viable a compravenda de billetes a través dunha pantalla. Nese sentido, subliñan “a omisión nas respostas do Goberno en referencia ás persoas de idade avanzada e / ou con discapacidade, que non poden realizar os transbordos nas liñas ferroviarias nin tan sequera adquirir billetes de tren por métodos distintos á compravenda presencial cunha persoa in situ e sen recorrer a unha pantalla”.

Trens Avril

Os populares explican tamén que “durante o primeiro semestre do 2022, o Goberno insistía en que os trens Avril -que permitirían acortar tempos e, polo tanto, contar coa alta velocidade- se porían en funcionamento en xullo deste ano; pero agora recoñece que as primeiras unidades destes trens, que deberían terse recibido en xaneiro do 2021, nin chegaron no momento nin chegaron aínda”. Nese sentido, subliñan as “contradicións” do Goberno porque “por un lado, din que Renfe non recibira as primeiras máquinas no prazo previsto; e, aínda así, por outro lado, prometían ter os trens en funcionamento no verán do 2022, o que todos sabemos que non chegou a suceder”.