Partido Popular de Lugo

O PP espera conseguir o apoio de PSOE e BNG á súa proposta para impulsar dende a Deputación que a Agencia Estatal de Salud Pública se instale en Lugo

Lugo, 24 de outubro de 2022. O grupo popular defenderá na sesión plenaria que celebrará mañá a corporación provincial unha proposta para impulsar, apoiar e respaldar dende a Deputación as solicitudes para que a Agencia Estatal de Salud Pública teña a súa sede na capital lucense. Así o anuncia o viceportavoz popular Óscar Poy, que considera que é precisa a sumas dos esforzos da Xunta de Galicia e do Goberno de España para converter a Lugo nunha referencia nacional e internacional no deseño, implementación e avaliación de políticas públicas innovadoras no eido da saúde pública.

Poy destaca que o primeiro que xustifica que se localice en Lugo a Agencia Estatal de Salud Pública é que a cidade amurallada cumpre un dos requisitos das bases para seleccionar a sede, xa que se “toma en consideración o fenómeno da despoboación, un factor que afecta á nosa provincia”.

O mesmo deputado popular resalta tamén o feito de que en Lugo están o Laboratorio Central de Saúde Pública de Galicia, así como o Laboratorio de Saúde Animal e o laboratorio da Facultade de Veterinaria, que son centros de referencia nacional.

Os populares consideran que, coa Agencia, se complementaria a rede de infraestruturas punteiras de que dispón Lugo vinculada a un sistema público de calidade, do que formará parte o Centro Integral de Saúde de A Residencia.

Poy sinala: “Como centro neurálxico en materia sanitaria para España e co apoio dos diferentes organismos que xa existen na cidade, reforzarase a coordinación das distintas institucións e das accións levada a cabo en cada unha delas, xerando sinerxias entre os diferentes centros relacionados coa saúde pública. Tamén permitirá levar a cabo asesoramento técnico para aquelas intervencións que nesta materia efectúen as diferentes administracións públicas, organismos ou institucións”.