Partido Popular de Lugo

Jesús Manuel Núñez Díaz, revalida a confianza dos militantes e volve ser elixido presidente do PP das Nogais

As Nogais, 22 de outubro de 2022.Jesús Manuel Núñez Díaz preside o PP das Nogais dende o ano 2007 e volveu resultar elixido presidente da agrupación local por aclamación no congreso celebrado este venres coa participación do secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; e o coordinador do PP da provincia, José Manuel Balseiro.

Os militantes amosaron o seu apoio ao alcalde e deputado provincial que nomeou no propio conclave aos integrantes da estrutura local do partido que supón “unha renovación total do resto do comité executivo. Trátase dun equipo operativo integrado polas persoas que colaboran diariamente”, segundo manifestou Núñez Díaz. Entre eles, atópanse dous concelleiros do actual goberno municipal como son Fernando Rodríguez, que será o novo secretario xeral; e Isabel Méndez, unha das vogais do comité xunto a Jose Doval, Ovidio Río e Demetrio Ruiz.

O reelixido presidente do PP das Nogais fixo mención especial a Constante Bendoiro que foi nomeado presidente de honra en recoñecemento a “toda unha vida de militancia, dedicación e apoio ao Partido Popular”.

Núñez Díaz agradeceu a confianza dos afiliados e sinalou como obxectivos “un intenso traballo para revalidar o apoio dos veciños e volver conseguir o goberno local nas vindeiras eleccións municipais e recuperar o goberno na Deputación Provincial”.

Servizos, emprego e Vía Künig

O popular considera que “o noso traballo nos 11 anos de goberno das Nogais serviu para que os veciños e veciñas vexan o cambio e a transformación absoluta do noso concello a tódolos niveis. E o noso obxectivo é seguir traballando e apoiando aos nosos veciños en xeral”. Núñez Díaz aposta polos servizos sociais -a atención aos maiores, menores e persoas en risco de exclusión social-, o fomento do emprego e a potenciamento -xunto a outros concellos da comarca- da Vía Künig que é “un recurso fundamental para o desenvolvemento do concello”. Así mesmo, o presidente do PP das Nogais asegura que á fronte do goberno local “seguiremos apostando polos servizos aos veciños, equipamentos, mellora de estradas, etc”.