Partido Popular de Lugo

Castiñeira, no pleno: “Hai que debater sobre o problema dos incendios, pero agora é o momento de estar coas persoas”

Lugo, 26 de xullo de 2022. O voceiro, Javier Castiñeira, quixo enviar en nome de todo o Grupo Provincial Popular unha aperta a todos os lucenses que están sufrindo estes días os voraces incendios forestais que destruíron montes e incluso propiedades de gran valor natural, económico, social. Están a ser días tristes para Lugo, para toda a provincia e, particularmente, para os municipios do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Cervantes, Palas de Rei e Antas de Ulla. Queremos trasladar tamén o noso recoñecemento, sen excepcións, a todo o persoal que cooperou na loita contra os incendios: tanto os profesionais, coma os voluntarios e os persoeiros civís que estiveron cos veciños ao pé do problema”.

“É un momento complexo e difícil. E, polo tanto, queremos mostrar a nosa solidariedade con todas as persoas ás que os incendios trastornaron a súa vida. Tamén cos alcaldes destes concellos que coñecen o territorio e as persoas que son propietarias de montes, casas ou negocios que agora están queimados e coñecen os problemas que se lle veñen enriba. Hoxe o Grupo Provincial Popular non ten a compañía de Lola Castro, a alcaldesa de Folgoso do Courel. Entendemos que estea cos veciños”, manifestou o voceiro popular.

Castiñeira explicou que “ten que abrirse un debate, pero non é o momento. É o momento de estar cos veciños e as persoas que quedaron sen as súas casas e os seus negocios”. Engadiu tamén que: “Hai que debater para afrontar este tipo de problemas en vindeiras ocasións. O tempo está cambiando. Non estabamos acostumados a estas olas de calor que acade vez veñen antes e son menos comúns. Hai que ter visión de futuro para poder atallar esta circunstancia”.

Os populares cren que “agora toca atender aos veciños”. Nese sentido, lembrou que “a Xunta xa anunciou de axudas directas -compatibles coas do resto de administracións e aseguradoras- para garantir o arranxo completo das vivendas habituais con apoios de ata 122.000 euros e tamén para segundas vivendas, negocios, explotacións e incluso para os concellos”. Así mesmo, explicou que “Galicia é a comunidade que máis inviste na loita contra os incendios: 180 millóns de euros dos que 33 se dirixen a prevención. Moi por enriba da segunda, Cataluña”.

Un debate puro, sen demagoxia

Castiñeira puntualizou que o líder dos socialistas galegos, Valentín Formoso, tiña manifestado que “politizar os incendios é un erro” e explicou que “os incendios son un problema nacional e tamén internacional. Outros países que non sufrían olas de calor e incendios, súfrenos agora”.

Polo tanto, defendeu que “ten que haber un debate puro, sen demagoxia nin propagando sobre o motivo polo que a xente do rural se vai ás cidades. Hai que velar pola poboación, pero tamén polo territorio”. Así considera que “se debe debater a nivel autonómico e nacional; pero todas as administracións debemos facer unha discriminación positiva aos concellos pequenos. Neste sentido, a Deputación ten moito que mellorar”. Con todo, “quédome co talante de querer mellorar as cousas entre todos”, concluíu.