Partido Popular de Lugo

O PP de Muras esixe ao alcalde Requeijo que finalice a tramitación administrativa para a posta en marcha do polígono industrial no municipio

Muras, 26 de xullo de 2022. O polígono industrial de Muras é un proxecto de carácter urbanístico en cuxa necesidade hai tempo que coinciden as forzas políticas. O municipio necesita un espazo industrial que dea resposta ás demandas de solo que formulan os empresarios da zona. O parque empresarial atraerá novas empresas e creará oportunidades de emprego nunha comarca rural, despoboada e moi envellecida. Así o sinala a portavoz do PP en Muras, María Eugenia Requeijo, que insta ao goberno municipal e, sinaladamente, ao alcalde, Manuel Requeijo, a cubrir canto antes os trámites administrativos para a posta en marcha do polígono.

 Requeijo di que, tal como indicou no seu momento o deputado autonómico Ramón Carballo, para conseguir este obxectivo “é condición imprescindible que o Concello finalice a tramitación do procedemento de revisión das normas subsidiarias”. Con este trámite o que se busca é transformar as parcelas adquiridas en terreo urbanizable e así poder asentar as empresas.

No grupo popular provoca malestar que o goberno municipal acuse á Xunta de Galicia de ralentizar os trámites. No Concello aínda non responderon aos requirimentos da Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no que se explicaban os erros a correxir para a aprobación definitiva do proxecto.

Recentemente, a Xunta ampliou a vixencia dun informe ambiental que emitiu en 2016 e que caducaba no ano en curso. Así, o Concello non ten que volver a iniciar o procedemento.

Os populares din que “a Xunta axilizou este trámite como mostra de vontade de colaboración; o Concello pediu a prórroga do informe no mes de marzo e tras verificar que todo estaba en orden, en abril, un mes despois, a Xunta xa autorizo esa prórroga polo plazo de dous ano, é dicir, ata o 6 de abril de 2024”.

Eivas a correxir no documento presentado polo Concello

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo instou no seu momento ao goberno municipal a correxir os erros que hai no documento que lle entregaron, en relación cos servizos urbanísticos.

 As eivas detectadas pola Xunta son abundantes e van dende saber cal é a obtención da concesión de augas para o abastecemento ata a especificación no documento do uso do solo.

Outros aspectos a correxir por parte do goberno municipal son a cuantificación nas intensidades do seu uso, concretamente canta edificabilidade se pode materializar; a aclaración das reservas esixidas para zonas verdes e aparcamento público. Outro aspecto a tener en conta é o sistema de arborada que garantice unha sostibilidade ambiental.

A Xunta deixou claro que todo son cuestións abarcables. Unha vez rematada a subsanación destes problemas, será sometido a aprobación plenaria para despois remitilo á Xunta de Galicia, que disporá de un prazo de 3 meses para a  súa aprobación.