Partido Popular de Lugo

O PP insta a Tomé a traballar para poñer en servizo a residencia da terceira idade de Becerreá, un edificio que leva un ano acabado

Lugo, 23 de xuño de 2022. O goberno provincial presume fóra de Lugo da rede de residencias da Deputación. Pero detrás da cortina de fume, está a realidade das residencias aínda sen construír, das que están feitas e non funcionan e das que funcionan con moitos e variados problemas de xestión. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, asegura que o presidente, José Tomé (PSOE), “non está cumprindo tampouco cos veciños de Becerreá; non hai máis que vir a esta localidade e apreciar que os veciños están enfadados, porque non se dá posto en funcionamento a residencia da terceira idade”.

Castiñeira explica: “A residencia de Becerreá é unha realidade grazas non ao señor Tomé, senón ao PP, a un acordo que houbo no 2016, entre o PSOE que tiña rotas as relacións de goberno con BNG, o propio alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, e o Partido Popular, que foi o que posibilitou que nos orzamentos se incluirán partidas para a residencia, que leva un ano rematada e non se fixo nada  máis”. O edificio “está sen equipar, sen mobiliario, sen instalar a cociña, sen centro de  transformación e sen permiso de actividade”.

Os veciños non entenden a actual situación e así o expresaron aos deputados provinciais do PP. Castiñeira di que “é unha mostra da realidade da rede de residencias da que tanto presume fóra da casa o señor Tomé, pero analizando unha por unha vemos que existen moitos problemas e de moi distinta índole: laborais, de falta de tramitación e neste caso de inicio de actividade”. Os populares instan a Tomé a “que se poña a traballar canto antes e inicie a actividade nesta residencia, que é importante non só para Becerreá senón para toda a comarca”. Destaca que “probablemente sexa o maior dos investimentos que fixo a Deputación nestes últimos anos e está sen funcionar; é un luxo que non poden permitirse a Deputación de Lugo, porque os veciños esperan que canto antes se poña en servicio unha residencia tan importante para os maiores desta localidade”.