Partido Popular de Lugo

O PP reclama máis e mellores instalacións fluviais para os clubs deportivos de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de xuño de 2021. Os gobernos teñen a obriga de apoiar ao deporte de base, porque é fonte de saúde para os que o practican e porque nel empezan a forxarse os deportistas de elite. Apoiar ao deporte de base supón para as institucións, entre outras cousas, ofrecer instalacións adecuadas e nas condicións convenientes. Nesta liña, a portavoz do PP en Monforte, Katy Varela, anuncia que o seu grupo pedirá no próximo pleno do Concello que o goberno local, presidido polo socialista José Tomé, adopte as medidas necesarias para mellorar as instalacións para os clubs de actividades deportivas fluviais.

Os populares, segundo sinala Varela, teñen coñecemento “de que as instalacións existentes no Parque dos Condes de Lemos son insuficientes ademais de estar nun mal estado de conservación”.

As carencias neste tipo de instalación, poñen de manifesto, unha vez máis, “a deficiente xestión do alcalde de Monforte, a pesar da bonanza económica que vive o Concello”. Katy Varela sinala que “actualmente gástanse cartos nunha caseta nova para os servizos do embarcadoiro do río, precisamente nun momento no que o río presenta un estado tan lamentable de sucidade”. Engade: “De nada valeron as choivas destes días, pois a sucidade do río é continúa por mor das verteduras que alí desembocan. Outro problema máis para o adestramento dos nosos piragüistas, que, ademais de non ter unhas instalacións adecuadas, deben adestrar nun medio contaminado”. Segundo Varela, “ao Partido Popular preocúpalle tamén como estará o río a próxima fin de semana, primeiro de xullo, que é cando se celebrará o festival da Ribeira Sacra, que se desenvolve no Paseo do Malecón, (o alcalde pretende esnaquizalo coa construción dunha ponte para tráfico rodado)”. A portavoz popular teme que o festival quede deslucido pola sucidade do río e os malos olores que ás veces desprende. Varela destaca que a sucidade do río dana a imaxe da cidade nos meses en que máis visitantes recibe.