A Pastoriza, 15 de xuño de 2022. O presidente da xestora do PP da Pastoriza, Marcos García Lombardero, lamenta que o goberno local non solicitara tampouco este ano ante a Xunta a axuda para contratar a unha brigada municipal de prevención e loita contra incendios forestais. “O goberno local deixa pasar a oportunidade de crear emprego, realizar tarefas de prevención e contar con efectivos que poidan actuar rapidamente, no caso de ser necesario”, manifesta.
O popular lembra que o pasado verán do ano 2021 o Concello da Pastoriza tampouco solicitou esta axuda para conformar unha brigada municipal. Tendo en conta que “o Concello debe dispoñer do servizo de brigada municipal de incendios con motobomba activa, polo menos, durante o verán”; os populares rexistraron o pasado 12 de maio a súa petición para que o goberno local a solicitara este ano. “Pero tampouco o fixo”.
“É necesario dispoñer dela debido á gran cantidade de terreo forestal co que conta o noso municipio”. Ademais, “sería positivo para A Pastoriza contar con ese servizo -que sería de forma gratuíta porque o sufraga a Xunta- porque “pode presentarse algunha situación na que a súa intervención poida resultar moi importante”. De feito, “o ano pasado ardeu unha vivenda e algunha finca, pero o noso Concello non dispoñía de efectivos”.
García Lombardero di que “non nos serve a desculpa que puxo a tenente de alcalde e responsable da área de medio rural e medio ambiente de que non encontraba xente”. Isto responde “a unha falta de planificación”. Polo tanto, cre que “se non está capacitada para planificar a conformación dunha brigada de ano en ano, debería deixar as súas funcións”.