Viveiro, 15 de xuño de 2022. Os plenos que celebra a corporación municipal de Viveiro dende que a preside a socialista María Loureiro teñen moito de esperpento. A máis recente das sesións plenarias, na que se debateu o orzamento municipal para o ano en curso, non foi unha excepción. O protagonismo estelar no esperpento correspondeu, como é habitual, á alcaldesa e ao seu grupo, pero non foi papelón menor o xogado polo BNG, segundo sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez. O PP dixo non ás contas municipais porque, na súa opinión, chegan tarde e mal, non responden a un proxecto de cidade, carecen de investimento e de proxectos que sirvan para sacar a Viveiro do pozo no que o meteron os gobernos socialistas
Óscar Rodríguez lembra que dos 13,5 millóns que totalizan os orzamentos, o capítulo de investimentos reais só suma 300.000 euros, dos que máis de 200.000 apórtaos a Deputación.
Rodríguez sinala: “Hai moitos motivos polos que votar non. A alcaldesa, co cinismo habitual, di que os orzamentos son o más importante no funcionamento do Concello; asegura tal cousa cando os está presentando a mediados de ano, é dicir, seis meses despois de que terían que estar en vigor; non son orzamentos para un ano, son para medio ano”.
Para os populares, votar a favor os orzamentos presentados por María Loureiro sería unha auténtica irresponsabilidade. O portavoz popular di: “Tan grande como a irresponsabilidade do BNG ao absterse; os nacionalistas non van convencer a ningún veciño de Viveiro de que a súa abstención foi un voto responsable, máis cando cualificaron de irresponsable a proposta orzamentaria”.
No PP poñen de novo de manifesto que o goberno local non contou co PP para a elaboración dos orzamentos, e din que “así saíu o que saíu”. Óscar Rodríguez asegura que as contas aprobadas reflicten unha total falta de proxecto para Viveiro, porque calquera que os mire verá que non hai nin un proxecto de futuro, nin a corto nin a medio prazo.
Da falta de xestión do goberno presidido por María Loureiro é boa proba o feito de que, a estas alturas, teñen que incluír de novo 50.000 euros para o PXOM. Rodríguez explica: “Levamos máis dunha década sen plan xeral e, polo tanto, coa construción paralizada e así estamos, aínda intentando acabar o PXOM. Por certo, tampouco hai nada nestes orzamentos para ha potenciación do casco histórico, nin para o saneamento das parroquias…”.