Partido Popular de Lugo

O Parlamento pide ao Ministerio de Xustiza que axilice a tramitación da norma para a creación de novas unidades xudiciais en Galicia

Santiago, 4 de maio de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG e PSdeG, a través da que se reclama ao Ministerio de Xustiza que axilice a tramitación da norma que permita a creación e efectiva entrada en funcionamento de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación 2022, atendendo aos termos da proposta acordada pola Comisión Mixta para contribuír á axilización da actividade xudicial en Galicia.

A deputada popular Cristina Sanz lembrou que os orzamentos xerais do Estado para 2022 prevén a creación de 70 novas unidades xudiciais en todo o territorio español ao longo deste ano, “pero a día de hoxe o Ministerio de Xustiza aínda non levou a cabo a asignación destas unidades entre as distintas comunidades autónomas”.

Competencia do Estado

A Lei orgánica do Poder Xudicial reserva ao Goberno do Estado a competencia para a creación de novas unidades xudiciais, dado que é o competente para a oferta de creación de prazas de xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza.

Cristina Sanz indicou que, pese á falta de concreción por parte do Ministerio, a Xunta, previo consenso co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, trasladoulle a relación de unidades por orde de prelación acordada na sesión da Comisión Mixta celebrada a finais do mes de marzo. En concreto, priorízase a creación dun novo Xulgado de 1ª Instancia en Lugo; seguido da dotación dun maxistrado para Audiencia Provincial de Pontevedra; un Xulgado de 1ª Instancia en A Coruña e outro en Vigo; un xuíz de adscrición territorial en Ourense; un Xulgado do Social en Ferrol; e tres xulgados de 1ª Instancia en Ribeira, Vilagarcía e Viveiro.

“Trátase dunha proposta que pon deberes ao Goberno central, pero que á súa vez supón que a Xunta asuma un importante compromiso orzamentario, polo custe que lle suporá a dotación dos medios humanos e materiais”, manifestou a deputada popular.