Lugo, 5 de maio de 2022. A xestión de calquera goberno pode ser xulgada dende moitos puntos de vista. A maior ou menor eficiencia dun goberno sempre está aberta a interpretacións. Pero o que non admite interpretación nin escusas é a falta de respecto institucional practicada polos responsables institucionais. No caso do goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, cada mes que pasa deixa máis en evidencia a súa incapacidade de xestión e a súa incorrixible falta de respecto institucional. O portavoz popular, Javier Castiñeira, denuncia unha nova mostra de ambas características do goberno provincial. Sinala: “Dende o grupo provincial do PP queremos denunciar a falta de respecto institucional, unha vez máis, do goberno da Deputación de Lugo, neste caso, non asistindo ningún membro do equipo de goberno á inauguración do novo albergue no antigo palacio episcopal de Diomondi, o único do Camiño de Inverno, que é fundamental para a promoción turística da Ribeira Sacra”.
O portavoz popular denuncia que “por parte da Deputación de Lugo non existe promoción da Ribeira Sacra; como proba, non hai máis que recordar o absoluto abandono da zona de augas Mestas, en Quiroga, que levan tempo prometendo poñer en servizo e sigue abandonada”.
Para comprobar a falta de interese da Deputación pola Ribeira Sacra, segundo Castiñeira, “non hai máis que ver o estado das estradas provinciais, nos diferentes concellos; moitas delas dan acceso ao Camiño de Inverno”. Apunta que “quizá o mal estado das estradas provinciais sexa o motivo, ademais da falta de respecto institucional, da non asistencia de membros do goberno provincial á inauguración”. Engade: “Probablemente, coñecendo o mal estado da estrada LU-P 5806, que dá aceso á parroquia de San Paio de Diomondi, decidiron no acudir”.
O lamentable estado da citada vía provincial “marca novamente a mala imaxe da Deputación de Lugo arredor dos diferentes Camiños que atravesan a nosa provincia”.
Os catro deputados provinciais populares que asistiron á inauguración piden ao Goberno da Deputación “que amañe esa estrada e, ante todo, que cambie de actitude, especialmente na área de Turismo, dirixida pola señora García Porto, que ten absolutamente abandonada á Ribeira Sacra”.