Partido Popular de Lugo

Candia: “O traballo dos gobernos do PP foi decisivo para que o Campus Terra sexa hoxe un dos nosos motores económicos”

Lugo, 29 de abril de 2022.“O traballo dos gobernos do PP foi decisivo para que o Campus Terra sexa hoxe un dos nosos motores económicos”. Así o indicou a presidenta provincial, Elena Candia, na clausura da mesa sectorial informativa sobre a universidade denominada O Campus Universitario de Lugo como factor de desenvolvemento socioeconómico da provincia.

Candia indicou: “foi a Deputación de Lugo, gobernada por Francisco Cacharro, quen sentou as bases do Campus que hoxe temos, conseguindo que Lugo contase coa única Facultade de Veterinaria de Galicia e dando así un valor engadido ao potencial que temos como zona agrogandeira e agropecuaria”. Proba delo, destacou, é que “xa é un estereotipo chamarlle o buque insignia do Campus. É un dos activos máis poderosos da sede universitaria lucense”, manifestou.

Este impulso continuou tamén co esforzo doutras administracións como a Xunta de Galicia, quen recentemente abriu o proceso para que, finalmente, o Terra alcanzase a acreditación de Campus especializado, ou a aportación económica que recollen os Orzamentos autonómicos cada ano. Todo elo, contribúe a que o nivel de prazas ocupadas neste curso se sitúe no 90%, ou que, en carreiras como Veterinaria, segundo datos da USC, non quedase ningunha vacante.

“Hoxe o Campus ten un impacto directo na economía provincial, pero tamén ocupa un papel relevante na transferencia de coñecementos á sociedade, á ciencia e ao tecido produtivo”, de aí, engadiu, a importancia de “fortalecer a súa estrutura” en titulacións de enorme aplicación práctica na provincia, como as enfocadas aos sectores agrarios, forestal, gandeiro, alimentario e veterinario.

“Non debemos perder esta vocación, de apostar por unha Universidade, como o elemento catalizador do talento e un instrumento capaz de innovar e con altura de miras para dar resposta a un mundo en constante evolución. Se se considerase o Campus como unha gran empresa, non me equivoco que sería unha das máis grandes da provincia vinculada”. Por iso, son importantes estes “espazos de reflexión para tomar nota e facer propostas en positivo, que vaian encamiñadas a seguir impulsado o coñecemento teórico-práctico, co fin de que esta incida no desenvolvemento económico e social de Lugo”.

Mesa sectorial

A xornada, organizada pola Comisión de Educación, desenvolveuse no Hotel Méndez Núñez e abordou unha breve historia do Campus de Lugo. Tamén contou cunha mesa redonda sobre as oportunidades de desenvolvemento dos concellos que contará coa participación de Gonzalo Fernández, decano da Facultade de Humanidades; Mercedes Montes, directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais e Roberto Bande, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas e será moderada pola profesora e concelleira en Lugo, Beatriz Vázquez.

A deputada autonómica Cristina Sanz presentou a mesa sectorial sobre Universidade.

O Partido Popular lucense considera que a formación que se imparte no Campus Universitario de Lugo, especializado na formación “Terra”, debe utilizarse como factor dinamizador capaz de poñer en valor todas as potencialidades tanto económicas dos recursos agrogandeiros, como culturais, turísticas, de promoción de contornos saudables, etc., que se poden atopar nos concellos da nosa provincia.

Nese sentido, os populares organizaron este encontro e incidiron na importancia de fomentar sinerxias entre as facultades universitarias e os concellos e empresas do noso territorio co fin de que a formación que reciben os distintos profesionais no campus de Lugo reverta no desenvolvemento socio-económico dos seus lugares de orixe, das nosas vilas e cidades.