Lugo, 30 de abril de 2022.A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, agradeceu ao candidato á presidencia do PPdeG en Lugo, Alfonso Rueda Valenzuela, que dese inicio en Lugo á campaña de cara ao congreso de maio que o elevará á presidencia do Partido en Galicia. “Empezas en Lugo, diante os artífices dos mellores resultados en porcentaxe de apoio ao proxecto do Partido Popular en Galicia e tamén dos mellores en España. Dende o 2016, o noso proxecto político logrou nas diferentes citas electorais arredor de 5 ou máis puntos por riba da media galega, por poñer un exemplo”.
Candia manifestou diante dos participantes na reunión da Xunta Directiva provincial que “Lugo sempre foi determinante no apoio ao noso proxecto político”. En relación ás eleccións autonómicas “foi contundente o apoio dos lucenses que contribuíu a acadar as distintas maiorías absolutas”. Incluso, nas dúas últimas citas coas urnas, o PP logrou superar o 50% dos votos dos lucenses: o 52,85% no 2016 e o 54,64% no 2020, o que supón un 5,32% máis que a media galega no 2016 e un 6,68% no 2020.
A popular engadiu, neste sentido, que “o PP lucense seguirá sumando, como sempre fixemos, porque, co PP nos gobernos, os lucenses sempre estivemos seguros. Foi durante os 13 anos de goberno de Feijóo, seráo co presidente Rueda e seráo proximamente no Goberno de España, con Alberto”, remarcou.
“Creo que Alfonso é o indicado para suceder a Feijóo”, sinalou Candia para engadir que “conta cunha gran experiencia, coñece ben a Galicia e tamén coñece ben a Lugo. Non teño ningunha dúbida de que dará continuidade ao traballo xa feito dando estabilidade ao goberno galego porque ten claro que Galicia é o camiño a seguir”.
Nese sentido, brindoulle todo o apoio da formación luguesa ao que será o novo presidente do PP galego que “marcará un novo estilo, o estilo Rueda. Traballaremos para que sexas o presidente da quinta maioría absoluta seguida en Galicia”, lle asegurou ao candidato á presidencia do PPdeG que “recollerá o testigo doutro gran presidente, Alberto Núñez Feijóo, que, sen dúbida, deixa un Lugo mellor”, remarcou Candia.
“Un Lugo mellor que recibe o maior investimento por habitante de Galicia”
A mandataria lucense lembrou que “o esforzo inversor da Xunta no noso territorio, permite que neste 2022 Lugo concentre o maior investimento por habitante de Galicia, 4.926 euros. O investimento na nosa provincia increméntase en máis do 4,3% con respecto a 2021”.
Candia sinalou tamén algunhas das accións do Goberno galego presidido por Feijóo que “contribuíron ao desenvolvemento da nosa provincia e a mellorar de forma continúa os servizos aos lucenses atendendo á realidade cambiante da sociedade”.
A dirixente lucense explicou, especialmente, “o seu compromiso cos servizos sociais no rural que son tan importantes nunha provincia coma a nosa. Así o demostra un crecemento de máis do 14% no orzamento para o 2022 en materia de Política Social alcanzando os máis de 927 millóns de euros, “o dobre que no 2009 co bipartito”, remarcou. “A Xunta presidida por Feijóo puxo en marcha 20 casas niño e 18 casas do maior na nosa provincia para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral garantindo o coidado dos nenos e maiores en espazos próximos aos seus fogares. Tamén estableceu a educación gratuíta para os segundos e terceiros fillos de entre 0 a 3 anos e, para o vindeiro curso, estenderase tamén aos primeiros. E, de cara á atención aos nosos maiores, financia servizos coma Xantar na Casa ou Coidados Porta a Porta e incrementou, con respecto ao ano pasado, un 21,5% o investimento en axuda no fogar”. Tamén dispón dunha partida orzamentaria para a reforma do 80% dos centros residenciais e xa anunciou a construción doutra residencia pública en Antas de Ulla.
Candia quixo deixar claro que “con Feijóo como presidente da Xunta, houbo 831 profesionais máis de media diaria traballando na Atención Primaria que no ano 2008 cando gobernaba o bipartito”. Ademais, explicou que a Xunta ten demandado ao Goberno máis prazas MIR para poder formar a máis médicos comprometéndose a financialas. A popular lembrou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que recolle a construción de seis novos centros de saúde na provincia -Sagrado Corazón, Antas de Ulla, Pantón, Ribadeo, Becerreá e Guntín- e a reforma doutros seis -A Milagrosa, Meira, Outeiro de Rei, Praza de Ferrol, Foz e Ribas de Sil- ou a incorporación ao longo da última década doutros servizos na área sanitaria lucense.
“Lugo é a cidade galega que concentra nestes momentos o maior investimento en materia de Educación: o novo Sagrado Corazón, a reforma dos colexios de Paradai e Anexa, os institutos Ánxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes e a conversión da actual Facultade do Profesorado nun novo instituto”, apuntou. Ademais, “a Xunta está a implantar plans e estratexias para mellorar o noso recoñecido sistema educativo”.
Elena Candia tamén nomeou a importancia das infraestruturas para vertebrar a provincia -a conversión do corredor de Sarria en autovía ou a VAC Costa Norte-; puxo en valor “o investimento en materia pesca para mellorar e potenciar o sector lucense” e “o traballo en defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros do noso medio rural” coa creación de instrumentos recollidos na lei de recuperación de terra agraria ou coma o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, anunciado recentemente, para cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria e frear a venda a perdas dos produtores galegos”.
“Non todos somos iguais”
A popular non quixo pasar por alto o proceso da sucesión, no que “soubemos estar á altura. Os galegos viron que somos o Partido que máis sensatez e seriedade ofrece, e facémolo non só cando temos responsabilidades gobernamentais, senón cando tamén temos que renovarnos internamente, como aconteceu neste caso. A mellor xestión sempre ten que estar dentro da casa e, o PPdeG, deu unha lección neste sentido. En definitiva, e con gran satisfacción podemos dicir, que non todos somos iguais”, afirmou.
“Lugo non defraudará”
Candia asegurou “que Lugo non defraudará. Imos a por todas: queremos manter as alcaldías e acadar outra novas como a de Lugo; e queremos dar o salto á Deputación. Sabemos que quedan meses de traballo; un traballo que non comezou hoxe nin onte, feito moita veces en silencio e que non se traslada nos mediou ou publicamente, pero que ten peso e pouso. Como dicía o lema do Congreso nacional, creo que estamos preparados e imos a por elo”, recibindo con elo a ovación dos asistentes.