Partido Popular de Lugo

Ángel Martínez-Puga, elixido presidente do PP de Baleira

Ángel Martínez-Puga foi elixido presidente do PP de Baleira por aclamación no congreso local do partido celebrado este venres no municipio coa participación da presidenta provincial, Elena Candia; o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o secretario de organización, Javier Vázquez Prado; o coordinador xeral, José Manuel Balseiro; a deputada autonómica Encarna Amigo; e alcaldes e portavoces da zona entre outros integrantes do partido.

 

O alcalde popular, dende 2013, asume a presidencia do partido a nivel local encabezando un comité do que forman parte, como membros natos, os integrantes do grupo municipal: Alberto Núñez Fernández, Miguel Ángel Fernández González, José María Becerra Álvarez, José Antonio Calvín López e Encarnación Valiño Lombardero, que asume a secretaría da dirección do partido. Montserrat López Gómez e Amable Eiros López serán vogais.

 

A máxima mandataria provincial, Elena Candia, explicou que “dende o Partido Popular da provincia de Lugo, despois dos congreso autonómico e provincial, continuamos a renovar a organización nas agrupacións locais a través dos congreso locais que tamén serven para manter encontros máis estreitos cos afiliados e analizar as necesidades e prioridades de cada municipio”.

 

Candia subliñou, nesta ocasión, “a experiencia do alcalde na xestión do goberno local ofrecendo servizos aos veciños para mellorar a súa calidade de vida” e destacou “o gran respaldo de Baleira ao proxecto do Partido Popular nas distintas convocatorias electorais”. Nesa liña, a presidenta provincial avanza que “seguiremos a traballar escoitando aos veciños e tratando de dar resposta ás cuestións que nos trasladan no día a día co obxectivo de facer medrar ao noso proxecto”.

 

Martínez-Puga agradeceu o apoio dos afiliados e sinalou: “Como responsable do PP de Baleira, comprométome a escoitar as propostas dos afiliados e tamén as de todos aqueles veciños que queiran unirse ao noso proxecto co obxectivo de mellorar Baleira”. O presidente do PP local tamén explicou que “seguiremos velando dende o Concello polos nosos veciños que depositaron maioritariamente en nós a súa confianza”.