Partido Popular de Lugo

O PP de Burela esixe explicacións ao alcalde por “encargar sempre á mesma empresa os informes externos”

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Burela, Manuel Rouco, considera que “o alcalde despreza aos técnicos municipais”. Así o entende porque “a pesar de que o Concello dispón dun secretario, un interventor e unha arquitecta técnica, encarga un informe externo para facer unha ordenanza”.

O popular sinala que “no resto de concellos é habitual que os técnicos municipais realicen este tipo de tarefas”. Engade, ademais, que “resulta curioso que este informe externo se lle encargue á única empresa que está a facer informes externos ao Concello de Burela nos últimos seis anos”.

Rouco cre que “sería bo que o señor Llano se dignara a explicarnos cales son os motivos polos que tódolos informes externos foron encargados a esta única empresa”. É o caso dos informes para a adxudicación do contrato da recollida do lixo tanto cando se adxudicou a GESECO coma no último caso que foi adxudicado a Urbaser, entre outros moitos coma o informe no que o goberno de Llano trataba de explicar a subida da taxas disparatada no noso Concello”.

O voceiro popular apunta que “nos 15 conceptos que pretendía regular a nova ordenanza os incrementos ían dende o 6 ata case o 700%. Concretamente, no sector da hostalería, o incremento chegaba a alcanzar o 85% no caso das terrazas. Para a colocación de andamiaxes para a reparación das fachas o incremento era do 11% e así en moitos outros casos”. Condena Rouco esta proposta do goberno local tendo en conta “o contexto de crise galopante en Burela”.

O goberno local non axuda en nada ao sector comercial e hostaleiro

“Dende o PP xa hai tempo que asumimos que o alcalde e o seu goberno non van axudar en nada ao sector comercial e hostaleiro da vila, pero o que non podemos entender é que pretenda asfixialo co incremento inxustificado das taxas”, incide.

Rouco advirte que “co custe deste informe, algo máis de 3.600 euros podíase adxudicar, por exemplo, algunha axuda que tratase de mitigar as penurias que están a padecer os comerciantes e hostaleiros da nosa vila por mor da indolencia do goberno do señor Llano en lugar de incrementarlles as taxas municipais”.

“En lugar disto, o señor Llano prefire dilapidar os cartos de tódolos veciños da nosa vila en informes externos que ben poderían ser elaborados polos técnicos municipais”, engade.

Rouco sinala tamén que “no medio de todo isto, chama poderosamente a atención que o BNG no último pleno criticara e non apoiara a ambiciosa reforma fiscal proposta polo Grupo Municipal Popular e, sen embargo, non dedicara nin un só minuto das súas intervencións a cuestionar o incremento salvaxe que pretendía facer o señor Llano coas taxas municipais”.