Partido Popular de Lugo

Fronte ás “declaracións de intencións do goberno local”, o PP de Vilalba esixe “resolver os problemas dos veciños”

O Grupo Municipal Popular de Vilalba esixe ao goberno local “resolver os problemas dos veciños” e non só “aprobar declaracións de intencións”. Así o manifestan trala aprobación da ordenanza sobre o tráfico, circulación e seguridade viaria ao entender que “non vai arranxar o problema do caos circulatorio, o descontrol do tráfico en Vilalba, os problemas de aparcamento e a situación da rúa da Pravia”. É máis, a este respecto, inciden en que “as decisións precipitadas do goberno local -coma a de converter esta rúa en unidireccional sen consultar aos veciños nin contar co respaldo de informes técnicos- desencadean grandes prexuízos económicos e sociais os nosos comerciantes, autónomos e veciños en xeral”. Os populares esixen “comezar a casa polos cementos e non polo tellado como pretende o goberno do PSOE en Vilalba”.

 

A voceira, Sandra Vázquez, explicou que “esta ordenanza non deseña un plan de tráfico, non establece unha reorganización do tráfico e determina zonas de hora en rúas sen criterio”. Tamén advertiu sobre “contradicións” en relación á  taxa pola retirada de vehículos desta ordenanza co establecido na ordenanza fiscal nº 27, que tamén recolle xa a construción, mantemento, modificación ou supresión das entradas e saídas de vehículos, así como das reservas especiais de espazo. “Botamos en falta reunións cos grupos políticos para establecer un plan de tráfico como se fixera con gobernos do Partido Popular nos anos 90”, engadiu.

 

Propostas construtivas fronte a meras declaracións de intencións

O Grupo Municipal Popular presentou neste pleno iniciativas construtivas para resolver os problemas reais dos vilalbeses. Un exemplo é o mal estado da sinalización ante o que propuxeron un plan de sinalización das parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural que saíu adiante por unanimidade. A este respecto, sinalan que “o importante é poñer en marcha o plan e non só aprobalo no pleno”.

 

Por outra banda, os populares defenderon outra proposta dirixida a detectar e atender ás persoas maiores que viven soas no municipio, “unha tendencia que se está a dar entre a sociedade vilalbesa e á que o Concello debe dar resposta como administración máis próxima aos veciños”. Neste caso, Vilalba Aberta abstívose e o PSOE votou en contra, “algo que non se pode entender porque o goberno tiña anunciado un proxecto similar”.

 

A aprobación do “Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable ou da adhesión á Rede de Cidades que Camiñan” son tamén “declaracións de intencións” segundo os populares que instan a traballar ao goberno local ao que lle recordan que “está en minoría e debe negociar coa oposición para sacar adiante os temas máis importantes para os vilalbeses”. Neste sentido, consideran que “Vilalba Aberta empeza a palpar o descontento social ante a parálise do goberno e sae na súa axuda para tratar de facer posible os cambios anunciados ao comezo do mandato”. Así o entenden ao anunciar o goberno local estar en negociacións coa formación de Vilalba Aberta para aprobar o orzamento municipal.

 

Declaración institucional polo 25N

Os populares tenden a súa man para “traballar de forma construtiva por Vilalba”. Un exemplo constitúeo a súa vontade de chegar a acordos para aprobar unha declaración institucional con motivo do Día Internacional da loita contra a violencia de xénero que se conmemora cada 25 de novembro. “Dirixímonos ao resto de grupos ata en tres ocasións: presentando a nosa proposta por escrito no rexistro municipal, recordando o asunto durante o pleno e volvendo pedir a palabra ao final para reclamar esa posición conxunta á que seguimos agardando resposta por parte do PSOE”, explica Vázquez.