Partido Popular de Lugo

O PP insiste na necesidade dunha fronte común para defender o emprego e o futuro industrial da Mariña

O PP da provincia de Lugo insiste na necesidade dunha fronte común para defender o emprego e o futuro industrial da Mariña. Así o reivindicou a presidenta provincial, Elena Candia, tras participar na concentración de apoio aos traballadores de Vestas e do futuro da Mariña, que se celebrou en Viveiro e que contou coa presenza do portavoz local, Óscar Rodríguez; o deputado autonómico José Manuel Balseiro, o alcalde de Vicedo, Suso Novo; e o portavoz popular en Ourol, José Hermida; entre outros representantes do PP.

 

Candia sinalou que “o Partido Popular estará sempre ao carón dos veciños da Mariña e, polo tanto, dos traballadores que o único que piden é poder traballar na súa propia comarca. Non se entende a decisión de Vestas de pechar a fábrica cando é rendible e competitiva e, polo tanto, require xustificación”.

 

A popular considerou “inxusta para os traballadores, as súas familias e tamén para toda A Mariña” a decisión da empresa de pechar a súa actividade na fábrica de Chavín e “despiadado” o anuncio a través dos medios antes de comunicar a decisión aos propios traballadores.

 

A dirixente do PP provincial apunta á “errada política enerxética” do Goberno de Pedro Sánchez que “afecta tanto aos cidadáns coma ás empresas” e que “deriva no desmantelamento industrial da comarca da Mariña” como demostra este anuncio de peche que afectaría a máis dun centenar de traballadores dunha empresa vinculada, precisamente, ao desenvolvemento de enerxías renovables”.

 

“A falta de confianza nas políticas do Goberno socialista en materia de transición enerxética lévannos a estas situacións incoherentes”, condena. E, igualmente, lamentan dende o PP “a fobia nacionalista contra os eólicos porque trae estas nefastas consecuencias para o emprego nunha comarca xa afectada pola crise de Alcoa”.

 

A este respecto, lamentan a “falta de implicación” do Goberno de Sánchez que se atopa “ausente”. Á falta dun marco enerxético que lle permita producir de forma rendible, súmase “o desentendemento do Goberno socialista á hora de negociar a venda da planta, tal e como explicaron os traballadores recentemente da ausencia de contacto co Goberno”.

 

Compromiso da Xunta, Goberno ausente

Fronte ao desentendemento do Goberno de Sánchez que “mira para outro lado”, a Xunta traballa da man dos traballadores afectados. “Xa o fixo con Alcoa participando nas mesas multilaterais co obxectivo de atopar unha solución para garantir o emprego e a actividade da única planta de aluminio primario en España. Agora tamén se comprometeu cos traballadores de Vestas para desenvolver un traballo conxunto para identificar as posibilidades de cara ao mantemento do emprego”.

 

O vindeiro luns o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación recibirá ao comité de empresa na Delegación Territorial da Xunta en Lugo. “Agardamos que os representantes do Goberno de Sánchez se sumen á xuntanza e se impliquen para reverter a situación”.