Partido Popular de Lugo

O PP reclama de novo que a Deputación abra unha liña de axuda ás orquestras e aos grupos musicais da provincia, que viven unha situación límite pola crisis provocada pola pandemia

En xullo do ano pasado, o grupo provincial do PP solicitou na Deputación o deseño e aplicación dunha liña de axuda ás orquestras e grupos musicais da provincia de Lugo, á vista da durísima crise pola que atravesaban como consecuencia das medidas para evitar contaxios durante a pandemia. O bigoberno provincial (PSOE e BNG) non tivo a sensibilidade necesaria para comprender a gravísima situación do sector e non artellou medidas algunha de apoio. Agora, o PP intenta de novo que a Deputación apoie a este sector, diante do risco certo de que moitas orquestras e grupos musicais da provincia desaparecen. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “A Deputación de Lugo permanece impasible diante da difícil situación pola que están a pasar as orquestras e grupos musicais da provincia. Hai case un ano pedimos, mediante un rogo no pleno, unha liña de axudas directas para o sector, pero nada se fixo ao respecto por parte do bipartito provincial”.

 

Castiñeira sinala: “Estamos a comezos de verán e vemos como moitas festas e verbenas se están aprazando; moitas pemes e autónomos vinculados ao sector, que levan practicamente un ano sen apenas ingresos, verán aprazados novamente estes eventos e a posibilidade de conseguir ingresos”. Engade: “A Deputación de Lugo aforra subvencións nestes eventos que non se levan a cabo, pero non reverte eses cartos que se  aforran nos grupos e nos artistas lucenses, que eran os más beneficiados”.  Destaca que “a Xunta de Galicia é a única Administración que está implicada realmente en tirar do carro deste sector e proba dilo é o plan piloto que se vai desenvolver este fin de semana, o levantamento de moitas restricións e as importantes axudas directas, axudas directas que a Deputación de Lugo non quixo establecer”.

 

Os populares destacan que a verbena é moi importante dentro do rural lucense, está moi vinculada á Galicia rural. Por ese motivo, como lembra Javier Castiñeira, “na Deputación de Lugo solicitamos no seu día por unanimidade a súa declaración como patrimonio cultural inmaterial de Galicia”.

 

Castiñeira manifesta: “Pedimos que, con urxencia, a Deputación tome medidas e se reúna cos representantes  do sector, para trazar unha liña de colaboración e evitar a desaparición de moitos grupos e orquestras  da provincia”.  Sinala que “fronte á petición dos  representantes das orquestras para que se incluíran nos circuítos culturais, como fixo a Deputación de A Coruña, a de Lugo negouse; era unha liña que podía axudar a paliar a situación que sufre o sector”. O portavoz popular di que o representante das orquestras, Manuel  Fariña, díxolle que teme que este ano sexa moi complexo para as orquestras e os grupos e pide a maior implicación de todas as administracións para rescatar ao sector.