Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro lamenta que o goberno municipal descarte a mellora da praza Pastor Díaz, na que os defectos do pavimento provocan caídas de peóns

No máis recente pleno celebrado pola corporación municipal de Viveiro, o goberno local volveu demostrar a súa xa ben probada incapacidade para aceptar propostas do grupo popular, por boas que sexan para os veciños. A alcaldesa, María Loureiro (PSOE), e os seus compañeiros rexeitaron a moción defendida polo PP para a mellora do pavimento e a iluminación da praza Pastor Díaz. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, cre que “no pleno de onte viviuse outra incoherencia por parte do goberno municipal; unha máis”. Explica: “Rexeitou a moción que presentou o me grupo, o grupo popular, para reparar a praza de Pastor Díaz, que é o centro neurálxico de Viveiro, por –díxosenos- non ter orzamento para este fin; o orzamento para este ano aínda non está aprobado, polo que se pode incorporar esa obra”. Engade: “Con esta decisión do goberno municipal os veciños de Viveiro e os visitantes seguirán sufrindo tropezóns e camiñando sobre pozas cada vez que chove”.

 

Os concelleiros do PP destacan que o orzamento municipal de Viveiro para o ano en curso aínda non está aprobado. Polo tanto, hai tantas posibilidades de incluír a mellora da praza Pastor Díaz como queira o equipo de Loureiro. Rodríguez sinala: “E polo que se ve non quere, non ten intención ningunha de mellorar este ámbito urbano. E iso que levamos rexistrados nos últimos doce meses oito accidentes, oito caídas de veciños; estes accidentes falan ben claro do estado en que se atopa o pavimento da praza e da necesidade de intervir”.

 

Os populares sinalan, por boca de Óscar Rodríguez:  “Pouco despois de rexeitar a nosa proposta, o goberno apoiou unha moción do concelleiro non adscrito para incluír no orzamento un plan municipal para a xuventude, un plan que está sen facer e que hai que valorar; e decide incorporalo aos orzamentos sen máis. Está claro que o voto en contra do goberno á mellora da praza non ten que ver coa cuestión orzamentaria”. Rodríguez recorda que o seu grupo propuxo elaborar un informe técnico sobre o pavimento e o alumeado da praza, para que servira de base para a mellora de tan significativo ámbito urbano.