Partido Popular de Lugo

O PP considera que a aportación prevista pola Deputación para axudar aos sectores produtivos chega tarde e resulta moi escasa

O bigoberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, volve incorrer na súa demostrada incapacidade para reaccionar a tempo e ben fronte á crise sanitaria e ás súas consecuencias económicas. O anuncio do plan de axudas económicas da Deputación á hostalería e demais sectores produtivos chega tarde, di o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira. Engade: “Chega tarde, nesta ocasión coma en todo o que leva feito o señor Tomé nesta pandemia, porque dende o PP levamos un ano pedíndoas e grazas á inactividade do bipartito lucense os autónomos e pemes lucenses perderon o 2020 sen recibir axudas directas da Deputación; algunhas empresas por desgraza xa non existen”.

O portavoz popular ve “positivo o cambio de actitude do bipartito provincial, aínda que a cantidade proposta, que non chegaría ao millón de euros, é moi pouco ambiciosa e está moi por debaixo dos catro millóns que leva meses pedindo o grupo provincial do Partido Popular”. Explica Castiñeira que “a Deputación ten recursos suficientes para prestar un apoio moito máis grande aos empresarios lucenses; sirva como proba que o ano pasado usou máis de 4 millóns para convenios con alcaldes amigos que poderían perfectamente ir destinados á primeira fase do plan provincial de rescate do tecido económico”.

Castiñeira di que “se o que anunciou a señora Porto acaba sendo realidade e non é unha medida máis de enfrontamento ao goberno de Feijóo, pediremos que se convoque unha reunión da xunta de portavoces, para que todos poidamos colaborar”. Lembra que “foi o PP o que hai case un ano tomou a iniciativa e propuxo o plan provincial de rescate”.  Suxire que na reunión que solicita estean tamén os representantes dos sectores afectados.

Os populares queren que para a tramitación das axudas “se use o modelo de xestión rápida que aplicou a Xunta, dada a dilixencia e o bo resultado do primeiro plan autonómico, no que 2.000 hostaleiros lucenses cobraron mais de 4 millóns de euros e en poucos días terán a posibilidade de optar á segunda remesa de axudas, con máis de 75 millóns”. Castiñeira sinala: “Con todo isto e sumado aos 87 millóns de euros xa postos para axudar a pemes e autónomos afectados pola crise da covid-19, a Xunta terá destinado máis de 160 millóns de euros para apoiar ao tecido produtivo galego”. Engade: “Por iso non entendemos as críticas da Deputación de Lugo, que a día de hoxe non puxo un só euro en axudas directas”.