Partido Popular de Lugo

O PP critica a ausencia de representantes da Deputación de Lugo na reunión do Clúster de Turismo para estudar medidas de apoio á hostalería e pide a Tomé un maior compromiso

A ausencia de representantes da Deputación de Lugo na reunión celebrada polo Clúster Turismo de Galicia, en Santiago, para estudar medidas de apoio á hostalería pon de manifesto o escaso interese do bigoberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, en apoiar a un sector especialmente afectado pola pandemia e as necesarias medidas para frear os contaxios. Así o entende o PP lucense, presidido por Elena Candia, que avisa a socialistas e nacionalistas que a sociedade galega, en xeral, e lucense en particular, non entenderá que a Deputación de Lugo non faga un esforzo relevante para apoiar á hostalería.

 

No partido presidido por Elena Candia, deputada autonómica, non se comprende a ausencia na reunión tanto de técnicos como de políticos representantes da Deputación de Lugo. É certo que a Deputación está pechada como medida preventiva á vista dos positivos rexistrados entre políticos e funcionarios, pero non é menos certo que non todos están confinados. Os populares cren que non deixa de ser una desculpa de mal pagador a da Deputación cando asegura que non puideron participar porque se lles negou a posibilidade de facelo telematicamente.

 

A falta de vontade do bigoberno provincial de prestar un apoio real á hostalería queda tamén de manifesto na insuficiencia, a xuízo do PP, da cantidade que se mostra disposta a aportar e na falta de interese por alcanzar un acordo. O partido presidido por Elena Candia sostén que a sociedade non entenderá que a Deputación de Lugo non se involucre de maneira decidida no apoio a un sector de tanta relevancia para Galicia e para Lugo tanto desde o punto de vista económico como laboral.