Partido Popular de Lugo

Goberno e Deputación, convidados de pedra na reactivación económica de Lugo

No PP cremos que todas as administracións teñen que implicarse decididamente na reactivación da economía lucense; deben facelo con decisión e sen converter esta implicación nun argumento para a lea política. Dende esa convición, resulta indignante escoitar aos partidos que gobernan na Deputación pedir máis compromiso á Xunta cos concellos e cos sectores afectados pola covid, cando eles conxelaron o Plan  Único e os orzamentos para 2021 e votaron en contra do plan poscovid proposto no seu momento polo PP na Deputación. É un feito que o bipartito provincial non fixo nada polo tecido económico no ano 2020; todo indica que tampouco o fará no 2121. Parece que pretenden rirse dos sectores produtivos con total hipocrisía, acusando á unica Administración que está a facer algo polas Pemes e polos autónomos, mentres a Deputación e o Estado, que é onde gobernan, escóndense cando teñen que dar o callo e xogan a ser convidados de pedra.

 

PSOE e BNG fan honor ás palabras da vicepresidenta Ferreiro. Seguen coa idea de reducir a Deputación ao mínimo e usala única e exclusivamente como plataforma política para facer oposición a Feijóo, sen escrúpulos, como nesta  proposta na que se esquecen das súas obrigas para apuntar contra os que si cumpren.

 

No grupo provincial do PP cremos sinceramente que todas as administracións deben comprometerse co tecido económico, que está a sufrir intensamente os estragos da pandemia. A Xunta, polo seu lado, promoveu o primeiro plan de axudas á hostalería, no que repartiu 21,5 millóns, dos cales 4,3 recaeron nesta provincia, con máis de 2.000 axudas concedidas e xa cobradas. A maiores, a Xunta vén de presentar un segundo plan con máis de 50 millóns para toda Galicia, que, sumados aos anteriores e as ordes de subvencións dirixidas a todo o tecido económico, totalizan 140 millóns de euros  dedicados á reactivación da economía galega.

 

Á vista de iniciativas como a que presenta ao pleno o goberno provincial xorden moitas preguntas, para as que as respostas son evidentes para calquera que siga a actualidade da provincia. Preguntas como que fixeron os que reclaman a intervención da Xunta? E a resposta está ben clara: chegar tarde absolutamente a todo. Si, a todo, e ademais conxelaron o Plan Único e os orzamentos, reduciron as inversións na provincia, negaron o plan poscovid que pediu o PP e viven da propaganda e do autobombo. Tamén xorde naturalmente a pregunta de por que PSOE e BNG son tan críticos coa Xunta e tan condescendentes co Goberno do Estado, que non cumpre os seus compromisos con Lugo, senón que castiga esta provincia nos orzamentos e ataca deliberadamente á industria lucense? Como non preguntarse por que non escoitaron aos hostaleiros cando pedían diante da Subdelegación do Goberno un plan de rescate do sector. Onde estaban aquel día os gobernantes da Deputación do PSOE e do BNG?

 

Dende o PP seremos máis xustos e pediremos unha maior implicación de todas as administracións, incluída tamén a Deputación, que debe retomar a proposta popular e deseñar un plan poscovid, dotado con 4,5 millóns como mínimo, de maneira parecida ao que fixeron outras provincias. Non hai que esquecer que PSOE e BNG desestimaron esa proposta para usar eses cartos en convenios con alcaldes amigos.