Partido Popular de Lugo

O PP propón ao alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, como delegado de Vías e Obras na Deputación, que actualmente está totalmente desatendida por José Tomé

O grupo provincial popular dá un paso máis no seu intento de que a delegación de Vías e Obras da Deputación funcione axeitadamente, para que manteña en boas condicións as estradas provinciais, esenciais para a adecuada vertebración da provincia. Despois da crítica feita ao presidente da Deputación, José Tomé, porque, no seu papel como responsable directo de Vías e Obras, non é capaz de manter as estradas en bo estado e de pedirlle que renuncie a desempeñar esta delegación, agora o PP propón a quen considera a persoa idónea, dentro do equipo de José Tomé, para asumir esa importante delegación. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Dende o  grupo provincial do PP entendemos que a persoa máis axeitada para  levar a delegación de Vías e Obras, que actualmente está abandonada polo alcalde de Monforte e presidente da Deputación, José Tomé, é  o señor Roberto  Fernández Rico, alcalde de Ribeira de Piquín”.

 

Castiñeira explica o porque da súa proposta: “Entendemos que esta persoa é a adecuada por varios motivos: por un lado, porque leva unha delegación  menor (Recursos Sostibles), que é moi pouca delegación para alguén xove que podería dedicarse moito máis á Deputación de Lugo. Por outro lado, porque a día de hoxe esa delegación está absolutamente abandonada polo propio presidente da Deputación, que prefire atender, como é lóxico, á presidencia da Deputación  e tamén á alcaldía de Monforte, a costa de abandonar a rede viaria máis extensa das provincias de España; isto último non o dicimos nós, senón o propio presidente Tomé”.

 

O portavoz popular destaca: “Para unha rede  viaria tan extensa necesítase un delegado ao 100%. Cremos que este alcalde, xove e que está nunha delegación provincial menor, podería facer un traballo moitísimo mellor  que o señor Tomé. Poderíase dedicar a coñecer o estado das estradas e a velar polo seu mantemento. Pero, por riba de todo, podería escoitar a todos aqueles alcaldes que están pedindo melloras en estradas provinciais que pasan polos seus concellos, que vertebran a provincia e que a día de hoxe non están ben atendidas. Por todo iso, esta é a nosa proposta”.

 

Castiñeira fai un chamamento a José Tomé: “O presidente da Deputación é un veterano e sabe que é de sabios rectificar a tempo  e neste caso é unha  rectificación necesaria; a persoa adecuada para esa delegación é, dentro do equipo do presidente na Deputación, o alcalde de  Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico”.