Partido Popular de Lugo

O PP insta ao presidente da Deputación a renunciar a exercer tamén como delegado de Vías e Obras, porque ten totalmente abandonadas as estradas provinciais

O grupo provincial do PP demanda que o presidente da Deputación, José Tomé, renuncie a desempeñar ao mesmo tempo a delegación de Vías e Obras, porque ten totalmente esquecidas as súas responsabilidades neste terreo, de maneira que as estradas provinciais atópanse en moi mal estado. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala con ironía: “O PP pide ao presidente José Tomé que destitúa  ao delegado de Vías e Obras, José Tomé, e o substitúa por un que si se dedique as estradas e que non vaia só a cortar as cintas con traxe  e garabata; necesitamos urxentemente un delegado que patee a provincia coas botas de traballo, para recuperar a normalidade nas estradas lucenses, que son unha das poucas competencias propias que ten a Deputación”.

 

O portavoz dos populares explica que “transcorrido  máis dun cuarto de mandato, comprobamos que foi un absoluto erro que o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, se autonomeara delegado de vías e obras provinciais”. Castiñeira di: “Aí está o verdadeiro problema: demasiadas responsabilidades para unha soa persoa, o que o levou a acabar non atendendo  a ningunha; o claro exemplo do que dicimos está na desastrosa xestión das estradas provinciais. Podemos dar moitos exemplos”. Engade Castiñeira: “Cando un alcalde ten un problema nunha estrada provincial, resúltalle absolutamente imposible falar co responsable político da área, con José Tomé, e remíteno á oficina técnica, que, evidentemente,  ten moi pouca capacidade executiva para avanzar na solución do problema, que é o que queren os mandatarios locais.  O delegado, señor Tomé, ou está en Monforte, exercendo de alcalde, ou está en Presidencia firmando convenios con alcaldes socialistas e nacionalistas, pero nunca está en Vías e Obras”.

 

Para os populares, “o delegado Tomé descoñece a rede de estradas provinciais, que está en estado lamentable,  por estar dedicado a outros mesteres”. Citan “estradas en mal estado como as que  denunciou o Partido Popular en Cervantes, en Riotorto, en Portomarín, a que enlaza Chantada con O Saviñao pola presa de Belesar (chea de fochancas enormes); tamén estradas provinciais en mal estado que denuncian os propios veciños como a LU-P-1002 en Carballedo, ou a xa mítica en Momán, que ata parece que tivo que intervir a divindade para intentar arranxar esa estrada”.

 

Castiñeira explica: “Estradas en mal estado hai en practicamente toda a provincia, e outras en proceso de obra pesimamente xestionadas, como a de Castroverde que levou ao pleno o PP, ou a de A Fonsagrada, con paradas e retrasos incomprensibles;  di o delegado Tomé, como escusa, que somos a rede viaria máis extensa de España e posiblemente estea no certo. Por iso debe haber un delegado  plenamente dedicado ás estradas provinciais. Polo tanto, o PP pide ao presidente Tomé que destitúa  ao actual delegado de Vías e Obras, Tomé”.