Partido Popular de Lugo

O PP insta á Deputación a sacar de novo a licitación a explotación do club náutico de Belesar, primando a posta en servizo das instalacións fronte ao rendemento económico

O turismo fluvial constitúe unha magnífica oportunidade para atraer visitantes á provincia de Lugo. A Deputación, no seu momento, baixo gobernos populares, fixo un gran esforzo para crear instalacións capaces de atraer turismo. Funcionaron ata que a desidia de gobernos provinciais dirixidos por presidentes socialistas levaron ao peche de varias destas instalacións; o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, achegouse hoxe ás do club náutico de Belesar, en compañía do alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, para reivindicar a súa rápida posta en servizo.

 

Castiñeira explica: “O grupo provincial do PP desprazouse hoxe a Chantada, a petición do  goberno municipal, ao exterior das instalacións do club náutico de Belesar, que están na liña dos que visitamos con antelación; son instalacións provinciais, para a explotación do turismo fluvial, que seguen pechadas; neste caso, pechadas cun cadeado que é a mellor imaxe da ineficacia  do goberno provincial. Sabemos que saíu licitada a súa concesión en febreiro do ano pasado e que o concurso quedou deserto; queda demostrada así a falta absoluta de interese do goberno provincial por sacar adiante estas instalacións”.

 

O portavoz provincial dos populares sinala: “Nesta cuestión, non pode primar a explotación económica sobre  o que é en si o funcionamento do propio servizo. O máis lóxico  é que estean en funcionamento e, se se pode sacar algún tipo de rendemento económico, ben vido sexa, pero non pode ser un impedimento, como parece ser que é a día de hoxe”.

 

Castiñeira expón que os populares piden á Deputación que saque de novo a licitación a explotación do club e que “faga os novos pregos de condicións de maneira que se prime a posta en servizo”. Segundo Castiñeira, “estas instalacións pechadas dan unha imaxe moi mala dunha zona  moi importante  da provincia como é a Ribeira Sacra, que é candidata a Patrimonio da Humanidade”. Está seguro de que “se noutra provincia tivesen estas instalacións, dende logo, non estarían pechadas”. Destaca que para Chantada este club náutico é un recurso moi necesario. “Ten moitísimas posibilidades como os clubs que xa vimos en Portomarín e Augas Mestas (Quiroga) e que siga pechado é unha mostra máis do abandono das instalacións fluviais por parte do goberno da Deputación”, conclúe Castiñeira.