Partido Popular de Lugo

O PP non sae do seu asombro coa asignación de 5.000 euros á concelleira Toñi Eijo por parte do alcalde

No PP non saen do seu asombro coa asignación que se lle efectuou á concelleira socialista Toñi Eijo por parte do alcalde, o tamén socialista, Alfredo Llano, de nada menos que 5.000 euros e, os populares téñeno claro, “coa escusa de ser a presidenta da comisión de festas, esta semana a todo correr, o Sr. Llano decidiu facer unha asignación directa á concelleira Eijo para que contrate para a fin de semana un concerto”.

“Coa que está a caer en Burela e os cartos de todos son dilapidados polo Sr. Llano dunha maneira incrible”, indican dende o PP burelés. E seguen, “eles (a Sra. Eijo e o Sr. Llano) din que as cousa melloraron en Burela, que llo pregunten, por exemplo, aos autónomos e pequenos empresarios da vila ou aos representantes do mercado ambulante, a ver que din eles sobre esa suposta mellora”.

“Resulta inconcebible a nula visión socioeconómica e funcional que xa é endémica no actual goberno socialista”, continúan explicando no PP, “eses cartos estarían moito mellor empregados, por exemplo, no arranxo da área recreativa do Monte Castelo, na execución subsidiaria por parte do Concello da limpeza dos solares do casco urbano, que dan auténtica vergoña o lamentable estado no que están, ou na recuperación do convenio anual que existía coa Acia de Burela, que pasou de 18.000 euros ao ano co PP aos 10.000 actuais deste goberno socialista”, afirman.

Os populares conclúen indicando que “a falta de decoro non ten fin para boa parte dos concelleiros socialista de Burela, e mentres o silencio cómplice, unha vez máis, do Bng, delata ao actual sistema  de goberno instaurado en Burela”.