Partido Popular de Lugo

Dani Vega confirma que a Xunta crea emprego en Ribadeo, facilitando a contratación dun traballador para Acisa

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Dani Vega, confirma que a Xunta de Galicia crea emprego no municipio, ao “inxectar unha importante cantidade económica”, que lle permitiu a Acisa contratar unha persoa para desenvolver labores nesta asociación. Concretamente, o Goberno galego paga o 100% desta contratación.

 

“É unha nova xestión que inxecta economía ano noso tecido económico local con fondos propios da administración autonómica. Contratouse un novo empregado, que dará un soporte administrativo e de asesoramento para o colectivo empresarial”. Así o indica Vega quen cualifica esta iniciativa “dun paso máis, pois levamos traballando dende o inicio da pandemia para axudar á recuperación”. A este respecto, indica que “non imos baixar os brazos. Imos a seguir e debemos facelo todos unidos, toda a corporación. Todos temos que xestionar orzamento en beneficio de todo Ribadeo”, conclúe.

 

O novo traballador, que xa está incorporado, prestará o seu servizo durante oito meses. A súa contratación enmárcase no programa de axudas á contratación de organismos intermedios da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia.

 

Neste senso, o tamén deputado autonómico pon en valor esta iniciativa que “reforza”, di, o “importante traballo de Acisa”; entidade que suma xa máis de 170 establecementos asociados.